Nova: López Campos destaca os obradoiros de emprendemento como “unha gran ferramenta” para a mocidade

03/04/2025
López Campos destaca os obradoiros de emprendemento como “unha gran ferramenta” para a mocidade
Estes participantes están a recibir esta formación específica como un dos premios por obter o recoñecemento aos seus proxectos no ‘Xuventude Crea 2024’
Destaca a “aposta desta última edición do certame pola coordinación con outros departamentos da Xunta para ofrecer mellores oportunidades”
Trátase dunha actividade transversal realizada ao abeiro da Rede de polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
O Conselleiro de Cultura Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe os participantes no obradoiro de emprendemento ao que accederon tras ser recoñecidos polos seus traballos no certame Xuventude Crea 2024, ben como gañadores ou con mencións de honra.
No encontro, no centro coordinador de Información Xuvenil, o representante da Xunta fixo fincapé na “gran ferramenta que supón para a mocidade esta formación co acompañamento de persoas mentoras para comezar a darlle forma aos proxectos ideados”. Neste senso, engadiu, “nesta última edición do Xuventude Crea fixemos unha grande aposta pola coordinación con outros departamentos do Goberno galego, como o de Emprego, para ofrecer mellores oportunidades e dar máis visibilidade ás propostas dos nosos mozos e mozas a través deste certame”.
Deste xeito, López Campos resaltou a importancia de iniciativas como o Xuventude Crea “tanto para mostrar o potencial creador dos máis novos en moi diversos eidos, sendo un escaparate, como por ser unha canle aberta para que os participantes accedan a programas como este que visitamos hoxe e mesmo teñan presenza en eventos internacionais de cada sector”. Tamén mostrou os seus desexos de que a partir de aquí “despois de acompañalos no seus inicios, poidan seguir progresando como profesionais nos distintos ámbitos”.
Durante a visita, o responsable de Xuventude da Xunta lembrou que o certame destinado á mocidade acadou nesta última edición a maior cifra de participación das súas 15 celebracións, con 627 persoas inscritas, dobrando así o número de mozos e mozas que tomaron parte na convocatoria do 2023, un total de 337. Así, mostrou a súa ledicia pola “gran acollida dunha edición que mellorou a proxección dos traballos e que nos dá pulo para seguir medrando”, agradecendo a colaboración dos distintos departamentos da Administración autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais.
A formación
A de hoxe era a segunda sesión dun programa composto de tres partes, a desenvolver ao longo de tres semanas, nas que se traballa o emprendemento desde un enfoque baseado nas capacidades e coñecemento dos participantes. Así, tras unha primeira sesión en liña nas que abordaron as oportunidades de emprender, neste segundo encontro presencial afondaron nos posibles modelos de negocio. A formación rematará co contacto con persoas con experiencia emprendedora co obxectivo de motivar aos mozos e mozas para dar o seus primeiros pasos profesionais e proporcionarlles ferramentas prácticas.