Nova: Ana Ortiz presenta os festivais ‘Wake Up!’ e ‘One Dance’ que se celebrarán no Ifevi en Semana Santa

07/04/2025

Ana Ortiz presenta os festivais ‘Wake Up!’ e ‘One Dance’ que se celebrarán no Ifevi en Semana Santa

A delegada territorial da Xunta en Vigo avanzou os eventos que se celebrarán o  17 e o 19 de abril no Pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo

“O Ifevi é un espazo espectacular que ofrece as condicións ideais para gozar de dúas xornadas excepcionais dedicadas á música”, sinalou Ortiz

Vigo, 7 de abril de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns os festivais Wake UP! e One Dace que se celebrarán a vindeira Semana Santa no Pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). A representante autonómica destacou o éxito que xa obtivo o Wake UP! o pasado mes de outubro cando organizou a súa primeira edición.

Na súa comparecencia, acompañada por Luis Diz, CEO do Grupo Pelicano, e José Patiño, director de Wake Up! Electronic Parties, a representante autonómica destacou que “o Ifevi é un espazo espectacular que ofrece as condicións ideais para gozar de dúas xornadas excepcionais dedicada á música”.

Os organizadores agradeceron o apoio do Goberno galego e destacaron o atractivo que presenta a cidade para este tipo de espectáculos. “Acertamos con Vigo, queremos poñer en valor o lugar onde estamos e o apoio institucional da Xunta de Galicia”, apuntou o responsable do Grupo Pelícano.

Pola súa banda, José Patiño incidiu no feito de que os dous eventos programados responden a diferentes públicos. “Vai a ser moi bonito, porque temos xente moza que vai a ir o xoves ao Wake UP! e o sábado repetirá cos seus pais en One Dance”, subraiou.

17 e 19 de abril no Ifevi

O Wake UP Festival celebrarase o día 17 de abril (de 20:00 horas a 06:00 horas) e traerá a Vigo a recoñecidos artistas como Adrian Mills, Biia, Deborah de Luca, DJ Swisherman, Fantasm, Isma B e Nina Kraviz. No caso de One Dance, que será o 19 de abril (desde as 18:00 horas) os invitados son Basshunter, DJ Shas!, Floorfilla, Guru Josh Project, Kate Ryan, Marvin & Andrea Prezioso, Nathalie Aarts, Safri Duo, Soniko – DB, Rob & Mark Deluxe, Viceversa e Pablo Méndez Performances.

Luis Diz, responsable da Sala Pelícano, indicou que a venta de entradas para o festival marcha a moi bo ritmo. “A día de hoxe xa temos case que 9.000 tickets vendidos para os dous festivais, é unha cifra importante e o obxectivo é chegar entre 14.000 e 15.000, pero o que buscamos non é tanto volumen como que todo saia ben, a resposta está garantizada e a xente respondeu de forma excelente”, sinalou.

Comparte