Nova: Anxo M. Lorenzo fai un chamamento a redescubrir a figura de Valle-Inclán

10/04/2025
Anxo M. Lorenzo fai un chamamento a redescubrir a figura de Valle-Inclán
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradece o labor da Asociación de Amigos de Valle-Inclán para “poñer en valor o legado dun dos nosos autores máis ilustres”
No acto tamén se presentou unha nova edición do Festivalle, que se celebrará do 8 ao 11 de xullo en Vilanova de Arousa con representacións teatrais, cursos académicos e proxeccións
Madrid, 10 de abril de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe nos actos conmemorativos do centenario da estrea da obra La cabeza de Bautista de Ramón María del Valle-Inclán, onde fixo un chamamento á cidadanía para redescubrir a figura do autor vilanovés.
No marco desta cita, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu o labor da Asociación Amigos de Valle-Inclán que, co apoio da Xunta, levan a cabo iniciativas para “poñer en valor o legado dun dos nosos autores máis ilustres e recoñecidos pola súa literatura universal”. Neste senso, incidiu no compromiso do Goberno galego, marcado nos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, coa difusión da cultura para todos os públicos.
Ademais, no acto tamén se presentou unha nova edición do FestiValle, que se desenvolverá entre o 8 e o 11 de xullo en Vilanova de Arousa e incluirá unha ampla e diversa programación con producións teatrais como Los cuernos de Don Friolera, La rosa de papel ou El Embrujado. Tamén se celebrarán xornadas divulgativas con diversos autores de renome e proxectarase a curtametraxe La cabeza del Bautista dirixida por Manuel Revuelta, que foi presentada no acto de hoxe.
Lectura dramatizada, conmemoración e premio
A xornada, que afondou na obra La cabeza de Bautista, incluíu a lectura dramatizada da mesma dirixida por Miguel Rellán e narrada por Oti Manzano. Esta presentación contou coa participación dun amplo elenco de nomes destacados da interpretación como Carlos Chamarro, Marina Estacio, Javi Mora, David Tortosa, Jorge Gonzalo e Daniel Villaté. Ademais, a cita contou coa conmemoración dos 25 anos de vida da asociación Amigos de Valle-Inclán e a entrega do Premio Mari Gaila a actriz e directora de teatro, cine e ópera, Nuria Espert.