Nova: Rueda aposta pola cooperación e a lealdade institucional para seguir construíndo “a Galicia Calidade que todos queremos”

12/04/2025
Rueda aposta pola cooperación e a lealdade institucional para seguir construíndo “a Galicia Calidade que todos queremos”
Salienta a unión de institucións públicas, arcebispado, grupos parlamentarios e sociedade civil que permite a posta en marcha da nova entidade
Sinala que a fundación se converte no instrumento idóneo para “materializar a elevada responsabilidade que se nos encomenda” e aposta por recuperar un espazo “de enorme carga simbólica que representa a todos os galegos e a todas as galegas”
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por seguir avanzando “no camiño da cooperación e a lealdade institucional”, sinalando que “seguir construíndo esa Galicia Calidade que todos queremos significa seguir traballando unidos no fundamental, por encima das diferenzas”.
Así o apuntou durante a súa intervención no acto de constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, celebrado esta mañá en San Domingos de Bonaval. Rueda louvou a unión de institucións públicas —Xunta, Parlamento de Galicia e Concello de Santiago—; arcebispado, grupos parlamentarios, e sociedade civil que permite a posta en marcha desta entidade, facendo un especial agradecemento ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
O presidente autonómico Incidiu en que a nova fundación ten que ser “o instrumento idóneo para materializar a elevada responsabilidade que se nos encomenda”, e apostou por recuperar un espazo “de enorme carga simbólica que representa a todos os galegos e a todas as galegas”. Así, sinalou que o Panteón “ten que ser o símbolo de toda Galicia, coas súas diferentes ideoloxías, coas súas diferentes aspiracións e plantexamentos, pero co obxectivo común de identificar a nosa identidade como pobo”.
O responsable do Goberno galego referiuse a Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e subliñou que “nas figuras que aquí están honradas converxen os mellores sentimentos do noso pobo, sempre guiados por ese galequismo integrador” que, tal e como apuntou o presidente, “alenta e inspira, debería facelo, o labor cotián de todas as institucións que hoxe asinamos este documento”.
Tal e como lembrou Rueda, a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres é unha entidade pública adscrita ao Parlamento de Galicia. Xorde ao abeiro da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada por unanimidade en xullo de 2023, logo da proposta canalizada polo Consello da Cultura Galega para dotar de seguridade xurídica ao Panteón e da que foron partícipes diferentes entidades representativas da sociedade civil da Comunidade Autónoma.