Nova: A Xunta despide este domingo do Museo Gaiás a mostra internacional ‘Tattoo. Arte baixo a pel’ con preto de 35.000 visitas

16/04/2025
A Xunta despide este domingo do Museo Gaiás a mostra internacional ‘Tattoo. Arte baixo a pel’ con preto de 35.000 visitas
Combinando máis de 240 pezas históricas e contemporáneas, trátase da maior exposición internacional sobre as orixes e evolución da tatuaxe, cun relato que percorre os cinco continentes
A mostra está producida polo musée du quai Branly – Jacques Chirac de París coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a colaboración da Fundación “la Caixa”
Exhibe tamén 26 réplicas en silicona de partes do corpo humano, que foron tatuadas por pioneiros e referentes mundiais desta arte
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025
A maior e máis completa exposición sobre o mundo da tatuaxe pecha as súas portas este domingo 20 de abril no Museo Centro Gaiás logo de ter recibido preto de 35.000 visitas. Inaugurada a finais do pasado outubro pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e producida co musée du quai Branly – Jacques Chirac de París e a colaboración da Fundación “la Caixa”, Tattoo. Arte baixo a pel permitiu ao público galego descubrir aspectos artísticos e curiosidades históricas para comprender a relevancia cultural e social dunha práctica milenaria.
A mostra está composta por máis de 240 pezas antigas e contemporáneas procedentes dunha vintena de países. Obxectos rituais e decorativos, fotografías, debuxos, pinturas, utensilios de tatuar tradicionais, e modelos de silicona tatuados dan forma a un amplo relato que explora os elementos antropolóxicos, artísticos e históricos da tatuaxe.
A grande innovación da exposición son precisamente as 26 réplicas de partes do corpo humano tatuadas por pioneiros e referentes mundiais na materia. Fabricadas cun realismo minucioso, estas obras representan unha nova maneira de admirar e conservar, máis aló da pel e dos rexistros fotográficos, a tatuaxe como expresión artística.
O Museo Centro Gaiás ofrece ata o domingo visitas guiadas de balde para afondar polo miúdo nesta exposición, para as que pode reservarse praza a través da web da Cidade da Cultura.
Un fenómeno diverso e global
Partindo das tatuaxes protectoras que levan no rostro as mulleres inuit das rexións do Ártico desde hai polo menos 3.500 anos ata as obras realizadas no século XXI por recoñecidos artistas como o suízo Filip Leu, o xaponés Horiyoshi III ou a española Laura Juan, Tattoo. Arte baixo a pel explica o devir da tatuaxe como froito das influencias e intercambios entre países. Exploradores e aventureiros, comerciantes, científicos, artistas e ata monarcas e príncipes xogaron un papel fundamental na expansión desta práctica.
Canda ao relato histórico, no percorrido expositivo vanse debullando os estilos das diferentes escolas de tatuaxe que foron xurdindo no mundo: desde a tatuaxe tradicional que intenta manter vivas prácticas e símbolos centenarios, o trazo groso e as cores vivas do old school americano, as tatuaxes de liña fina en gris e negro que naceron entre os presos chicanos, o hiperrealismo, ata a abstracción e a experimentación pura que segue a puxar os límites do que se pode conseguir con agulla e tinta sobre a pel.
Comisariada por Anne Richard, unha das figuras máis relevantes no panorama cultural europeo de vangarda e fundadora da influente revista HEY! modern art & pop culture, a mostra achégase, igualmente, aos múltiples motivos polos que o ser humano leva tatuándose de maneira continuada no tempo.
A dimensión social da tatuaxe
Tradicionalmente asociada no imaxinario popular a grupos marxinais ou criminais, como a mafia xaponesa, a mostra revela outros moitos usos históricos e sociais da tatuaxe, como os símbolos protectores dos yantras tailandeses, os emblemas de status e poder que empregan aínda as tribos polinesias ou a marca de fitos importantes na vida do individuo, como as peregrinacións dos cristiáns coptos.
Do marxinal ao popular, hoxe en día a tatuaxe pódese ver tanto en estrelas do cine, da música e do deporte como a pé de rúa. Internet e as redes sociais contribuíron de maneira significativa á difusión dunha forma de expresión presente en case todas as culturas humanas desde os seus inicios.
Tattoo: Arte baixo a pel é exemplo en si mesma da popularidade do fenómeno. A mostra acumula máis de dous millóns de visitas desde a súa primeira apertura en París hai dez anos. Un tempo no que percorreu, ademais da Cidade da Cultura, museos e institucións de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán, Rusia e España.