Nova: López Campos pon en valor os espazos para a mocidade impulsados pola Xunta en pequenos concellos

16/04/2025
López Campos pon en valor os espazos para a mocidade impulsados pola Xunta en pequenos concellos
Para dotar o municipio orosán con este equipamento adecuouse unha zona do Centro Cívico de Sigüeiro, cun investimento do Goberno galego de máis de 60.000€
Trátase dunha intervención realizada ao abeiro dos Proxectos Senlleiros da Consellería do Medio Rural, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Destaca a importancia de “ofrecer un punto de encontro onde os mozos e mozas poidan desenvolver actividades de lecer educativo e cultural de calidade”
Resalta, ademais, as políticas transversais do Executivo autonómico “para favorecer os contornos fóra das cidades para que conten cos recursos axeitados”
Desde a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural inciden na importancia da recuperación de bens de interese etnográfico, patrimonial e cultural no rural
Oroso (A Coruña), 16 de abril de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o Centro Cívico de Sigüeiro tras ser rehabilitado para reforzar os seus usos e servizos cun investimento de Xunta de 60.000€.
Así, grazas a este proxecto, no que colaboraron a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, transformouse un espazo que albergaba distintos servizos municipais para habilitar a Casa da Xuventude de Oroso.
Durante a visita, o responsable de Xuventude puxo en valor as accións do Goberno galego para “dotar os pequenos concellos con equipamentos para a mocidade, de maneira que poidamos ofrecerlles un lugar no que desenvolver actividades de lecer educativo e cultural de calidade”, sendo este caso, dixo, “especialmente exemplar pola cantidade de xente nova que reside no municipio“. Neste senso, destacou o compromiso da Xunta “a través das súas políticas transversais, que implican a distintos departamentos, para favorecer os contornos fóra das cidades, e que os seus mozos e mozas conten así cos recursos axeitados para o seu crecemento persoal”.
Deste xeito, López Campos lembrou que “garantindo a existencia deste tipo de infraestruturas, apostamos por fomentar prácticas saudables entre os mais novos, previndo condutas de risco, impulsando un tempo de lecer de calidade e potenciando a socialización e o asociacionismo xuvenil”. Ademais, fixo fincapé no cumprimento da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia impulsada pola Xunta, que ten por obxectivo eliminar calquera tipo de barreiras e achegar a actividade cultural a todos os puntos do territorio e a todo tipo de público.
Proxectos Senlleiros
O proxecto para dotar a localidade cun espazo axeitado para a xuventude implicou a reestruturación do interior do Centro Cívico de Sigüeiro, tras o traslado a outras localizacións dalgúns dos servizos que albergaba, como un almacén de Protección Civil ou os xulgados de Paz, e adecuando as zonas do edificio municipal para a Policía Local, a Escola de Música e a Casa da Xuventude. Así, os traballos orientaronse ao aproveitamento do inmoble e creación dun local que funcione “nas mellores condicións”, resaltou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, “como punto de encontro para os mozos e mozas de Oroso”.
A actuación levouse a cabo mediante un convenio entre o concello e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, ao abeiro do programa Proxectos Senlleiros, e contou co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en cuestións que teñen que ver co desenvolvemento de actividades.
Neste senso, a directora de Agader, Paz Rodríguez, a importancia da colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos a través dos Proxectos Senlleiros, dado que constitúen “unha ferramenta moi útil para a recuperación e posta en valor de elementos e infraestruturas de interese etnográfico, cultural e patrimonial, ao tempo que permiten contribuír o mantemento das tradicións en pobos e núcleos rurais”.
Entre as obras executadas, foron derrubados varios tabiques para construír novas divisións interiores, levouse a cabo a insonorización das paredes divisorias con outras estancias do centro e modificouse a localización dos aseos para ser compartidos pola Casa da Xuventude e a Escola de Música. Así mesmo, renovouse a instalación eléctrica, de fontanería e saneamento.