Nova: A Xunta celebra o Día do Libro nos hospitais públicos de Ourense

22/04/2025

A Xunta celebra o Día do Libro nos hospitais públicos de Ourense

O director xeral de Cultura e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, presentaron as iniciativas para fomentar a lectura entre os pacientes

No marco da humanización da asistencia nesta área sanitaria promóvese iniciativas centradas na lectura coa colaboración de institucións e entidades sociais

A presentación forma parte da programación institucional desta efeméride, con colaboración coa agrupación provincial de libreiros de Ourense

Ourense, 22 abril de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, José Santiago Camba, presentaron hoxe no Hospital Universitario de Ourense as diferentes iniciativas organizadas para promover a lectura entre os pacientes no marco da humanización da asistencia. Trátase dunha actividade coa que a Xunta celebra o Día do Libro, que terá lugar mañá.

A acción, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa agrupación provincial de libreiros de Ourense, busca fomentar a lectura como vía de acompañamento e evasión nas contornas hospitalarias. No marco desta acción simbólica, doáronse ao hospital marcapáxinas conmemorativos do Día do Libro que mañá recibirán na súa bandexa do almorzo os pacientes ingresados nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras. Estes materiais tamén estarán dispoñibles nas casetas e librarías da cidade durante a Feira do Libro, que chegará a Ourense o 18 de xuño.

Durante a presentación, Anxo M. Lorenzo salientou que “a lectura é unha ferramenta fundamental de benestar persoal, tamén en contextos tan sensibles como o hospitalario”. “Con esta iniciativa, reforzamos o compromiso da Xunta por achegar a cultura a todos os espazos, e facémolo da man dos libreiros e das entidades sanitarias que coidan da nosa cidadanía”, engadiu.

Pola súa banda, o xerente desta área sanitaria, José Santiago Camba, destacou o valor dun libro para transformar espazos clínicos en lugares máis humanos. Xa que “cando a dor ou a incerteza nos visitan, a lectura convértese nunha terapia silenciosa. Non substitúe os medicamentos nin a atención médica, pero acompaña”. O doutor Camba agradeceu o traballo do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización coa colaboración das asociacións, voluntarios e entidades que fan posible ter libros “a pé de cama”.

Igualmente destacou a nova biblioteca de Medicina Gráfica, que apoiada pola Fundación Dorzán, permitirá ao Servizo de Medicina Interna contar cunha colección de novelas gráficas sobre diferentes enfermidades ou procesos asistenciais, para facelos máis comprensibles para os pacientes ou as súas familias, desde o duelo, ao alzheimer, o cancro de mama, os coidados paliativos ou incluso as vivencias do persoal sanitario.

O director xeral de Cultura da Xunta de Galicia destacou tamén a intensa actividade desenvolvida nesta área sanitaria ao longo do ano, como os puntos de lectura nas plantas de hospitalización de adultos e pediatría, o servizo de préstamo móbil mediante o carriño dos libros, xestionado por voluntariado do programa Apetéceme ser amig@, ou a innovación dalgunhas das súas propostas como a edición da novela gráfica sobre o “Delirium”, a síndrome confusional que vén de ser financiado pola Deputación Provincial de Ourense.

Este acto enmárcase dentro dunha ampla programación organizada pola Xunta de Galicia con motivo do Día do Libro 2025, que inclúe actividades nas bibliotecas públicas galegas, encontros con autoras e autores, accións de dinamización nas librarías, campañas de visibilización do libro e da lectura, e iniciativas culturais que levan os libros a espazos tan diversos como os hospitais, reforzando o compromiso do Goberno galego coa accesibilidade cultural e a promoción da lectura en todo o territorio.

Comparte