Nova: Anxo M. Lorenzo resalta o “achegamento á figura de Cela desde un momento destacado na súa traxectoria”

25/04/2025

Anxo M. Lorenzo resalta o “achegamento á figura de Cela desde un momento destacado na súa traxectoria”

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recompila nunha mostra un centenar de pezas conservadas a través da fundación que leva o seu nome

Entre os documentos atópanse cartas de felicitación, recortes de prensa da época e epistolarios doutros galardoados

Padrón (A Coruña), 25 de abril de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo Camilo José Cela unha exposición que conmemora o 30 aniversario do Premio Cervantes que recibiu o escritor en 1995 e da que resaltou “a grande oportunidade que supón para achegarnos á figura de Cela desde un momento destacado na súa traxectoria, para coñecer máis polo miúdo como se viviu o acontecemento nese momento e como se reflectiu a nivel informativo”.

Así, tal e como explicou o representante da Xunta, ademais de exhibirse o galardón recibido polo autor padronés “esta mostra é un percorrido, a través de diversa documentación, polo contexto que rodeou a creación do propio Premio Cervantes e un repaso á súa historia”. Neste senso, a exposición coincide tamén co 50 aniversario do nacemento do premio en 1975 do que Cela foi xurado na primeira convocatoria gañada polo poeta vallisoletano Jorge Guillén,  co que mantería unha grande amizade.

Durante o acto, Anxo M. Lorenzo tamén puxo en valor o traballo da Fundación Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “no eido da conservación e divulgación da vida e obra dunha das nosas figuras literarias máis ilustres e dos seus coetáneos”. Deste xeito, tal e como explicou, a mostra conta cun centenar de pezas entre as que destaca algunha carta de Rafael Alberti, Premio Cervantes no 1983, ou a candidatura de Francisco Umbral a este galardón no 2000.

Ademais,  a exposición, que se poderá visitar ata decembro, reúne desde cartas con felicitacións polo premio a Cela ata recortes de prensa sobre a concesión e entrega do galardón. Tamén se pode contemplar un epistolario con outros premios Cervantes, incluíndo unha pequena homenaxe a Mario Vargas Llosa e ao poeta José García Nieto, cuxo legado se conserva na Fundación Camilo José Cela. A proposta complétase cunha serie de caricaturas do escritor padronés publicadas na prensa do momento.

Comparte