Nova: Filgueira Valverde, en carteis e bolsas da compra dos establecementos de Vegalsa-Eroski

11/05/2015

Filgueira Valverde, en carteis e bolsas da compra dos establecementos de Vegalsa-Eroski

Textos dos famosos Adrais e un retrato do polígrafo pontevedrés feito por Antón Pulido chegarán aos fogares galegos por medio dunha edición especial de máis de un millón de bolsas da compra

  • Retrato de Filgueira Valverde, feito por Antón Pulido Retrato de Filgueira Valverde, feito por Antón Pulido
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa
  • O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa O secretario xeral de Política Lingüística na presentación da iniciativa

Santiago, 11 de maio de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski colaboran un ano máis para conmemorar conxuntamente o Día das Letras Galegas. No marco da devandita colaboración, que Vegalsa-Eroski encadra nas súas accións de responsabilidade social corporativa, a campaña de difusión da figura do polígrafo pontevedrés Xosé F. Filgueira Valverde chegará a todos os establecementos que integran a súa rede comercial.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, dérona a coñecer hoxe no supermercado compostelán Eroski Center da Choupana, nun acto simbólico de pegada de carteis no que estiveron acompañados polo presidente da Fundación Filgueira Valverde, José Fernando Filgueira Iglesias; pola concelleira de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela, María Antón; e mais polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Ao acto asistiron tamén outros membros do equipo directivo da compañía, representantes de asociacións de amas de casa e consumidores e de asociacións veciñais, amais de clientes da tenda.

Semana grande das Letras Galegas
“Abrimos hoxe a semana grande das Letras Galegas, unha semana para poñer en valor a literatura escrita en galego e a potencialidade do idioma en si para todo tipo de expresión oral ou escrita. Esa relevancia sempre a percibiu Vegalsa-Eroski, un dos grandes aliados que ten o galego no ámbito económico de Galicia e todo un exemplo empresarial na aposta polo idioma como valor dinamizador do seu negocio, tanto na etiquetaxe como na atención ao cliente, e tamén gran aliado das nosas letras e dos autores homenaxeados, pois grazas a Vegalsa-Eroski o 17 de maio entra nos fogares galegos nalgo tan sutil e tan básico como é a cesta da compra”, dixo o secretario xeral.

Filgueira Valverde en carteis e na bolsa da compra e concerto ‘No bico un cantar’
1000 carteis conmemorativos ilustrados coa lámina “O vello profesor” -que integra a mostra coa que o CEP Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal (A Coruña) gañou o Concurso-Exposición Letras Galegas 2015 convocado pola Xunta de Galicia- e máis dun millón de bolsas de edición especial -con fragmentos do Segundo Adral de Filgueira Valverde e un retrato do autor da autoría de Antón Pulido- difundirán a figura do polígrafo pontevedrés ao que a Real Academia Galega honra este ano no 17 de maio desde a cesta da compra dos establecementos Vegalsa-Eroski. A campaña conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación Filgueira Valverde.

A compañía galega de distribución alimentaria e a Secretaría Xeral de Cultura tamén colaboran noutra iniciativa conmemorativa das Letras Galegas 2015 na que tamén participa o Consello da Cultura Galega: a terceira edición de “No bico un cantar”, que ten como finalidade que os e as estudantes de conservatorios e centros oficiais de música de Galicia se familiaricen coa obra dun persoeiro insigne a través da música. A figura escollida para esta edición é a de Ramón Cabanillas, un dos poetas máis relevantes da literatura galega, ao que se lle renderá tributo o vindeiro 5 de xuño en Cambados, a súa vila natal.

Promover o galego desde a RSC das empresas
Vegalsa-Eroski constitúe todo un exemplo no compromiso e na promoción do uso do galego desde a responsabilidade social corporativa (RSC) dunha empresa radicada en Galicia que incopora e implementa diferentes actuacións a prol do desenvolvemento cultural e lingüístico da nosa comunidade entre as liñas de traballo prioritarias destinadas aos seus grupos de interese.
 

Comparte