Nova: Toda a presenza da Xunta na rede será do dominio .gal
13/05/2015
Toda a presenza da Xunta na rede será do dominio .gal
A Administración galega foi unha das entidades pioneiras que activou nove dominios .gal en internet
Santiago, 13 de maio de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a consolidación da aposta institucional polo dominio ‘.gal’, que será o dominio de referencia en todas as súas iniciativas na rede. Este é o punto principal que se recolle no decreto aprobado este mediodía no Consello, que regulará a partir de agora a presenza en internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Feijóo explicou que este texto determina un novo modelo de presenza na rede para a Administración autonómica, que establece a adopción do dominio .gal para todos os portais institucionais. De tal xeito que todo o que se estrutura desde o punto de vista de internet e Xunta de Galicia atenderá a unha única dirección: www.xunta.gal, como porta de entrada a todos os espazos e servizos web dos distintos organismos públicos.
Así, desde a entrada en vigor do decreto todas as novas iniciativas web da Administración deberán utilizar o dominio .gal; e igualmente, o emprego de .gal estenderase tamén a todas as direccións de correo corporativo, que se configura como o dominio de uso xeral e único para toda a Administración autonómica.
Logo de precisar que a adaptación ao novo dominio desenvolverase de xeito progresivo e non suporá ningún custe adicional para a Administración; o responsable autonómico aseverou que con este novo texto a Xunta dá un paso máis na aposta por conseguir e por fortalecer o domino .gal. E, neste liña, lembrou o apoio da Xunta para conseguir un dominio específico para Galicia; que a Xunta foi unha das entidades pioneiras que activou nove dominios .gal en internet; “e, agora, a iniciativa institucional volve a estar garantida para que se consolide, con esta decisión de que o puntoGal sexa o dominio de referencia da Administración pública”.
Así mesmo, afirmou que .gal é unha oportunidade para dar a coñecer Galicia no mundo; “unha oportunidade que debemos aproveitar todos os galegos e que vai aproveitar a Xunta”.