Nova: O contacontos Lois Pérez abre a programación de Cultura no Camiño na cidade de Lugo

16/05/2015

O contacontos Lois Pérez abre a programación de Cultura no Camiño na cidade de Lugo

Esta carteleira estenderase ata primeiros de setembro coas actuacións na capital lucense de David Regueiro Swingtet, Orquestra Os Modernos, Cé Orquestra Pantasma, Comisa Bal e Festicultores Troupe

Un total de 93 concellos participan neste circuíto, organizado pola Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis, como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela

  • 'Historias da Curripa: romances, viaxeiros e desaparecidos' Historias da Curripa: romances, viaxeiros e desaparecidos de Lois Pereiro

Lugo, 16 de maio de 2015.- O espectáculo de narración oral ‘Historias da Curripa: romances, viaxeiros e desaparecidos’, de Lois Pérez, abrirá mañá domingo 17 na Área Recreativa de Penas de Rodas a programación organizada polo Concello de Lugo no marco do circuíto ‘Cultura no Camiño’. Dentro desta mesma iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia xunto a 93 municipios das diferentes rutas xacobeas, a capital lucense acollerá ata primeiros de setembro outras cinco citas culturais protagonizadas por David Regueiro Swingtet, Orquestra Os Modernos, Cé Orquestra Pantasma, Comisa Bal e Festicultores Troupe.

No caso da programación desenvolvida polo Concello de Lugo, a primeira cita será mañá, ás 15.00 horas, co narrador e humorista Lois Pérez, en Penas de Rodas, emprazamento de interese paisaxístico e turístico situado en Outeiro de Rei.

Xa na cidade, a actividade de ‘Cultura no Camiño’ retomarase o 16 de xullo co concerto que David Regueiro Swingtet ofrecerá ás 21.00 horas na praza de Augas Férreas. Para o mes de agosto están previstas outras tres actuacións musicais a cargo da Orquestra Os Modernos, que tocará a carón da capela de San Bartolomeu do Burgo o día 16, ás 13.30 horas; Cé Orquestra Pantasma, tamén o día 16, ás 20.00 horas, na bisbarra da Ponte; e o dúo Comisa Bal, o 30 de agosto, ás 13.30 horas, nas proximidades da Aula da Natureza do Veral. Esta carteleira finalizará na tarde do 4 de setembro cun pasarrúas da Festicultores Troupe pola zona histórica da cidade da Muralla.

O calendario completo de actuacións en toda Galicia está dispoñible para a súa consulta no web da Agadic (www.agadic.info/culturanocamino), así como na sección de axenda da páxina de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/gl/axenda).
 

Comparte