Nova: A literatura morreu, viva o fútbol é a disertación de Carme Riera en Cara a onde?

23/05/2015

A literatura morreu, viva o fútbol é a disertación de Carme Riera en Cara a onde?

O CGAC acolle a terceira xornada deste ciclo que aborda a relación entre a sociedade e a cultura a partir da ollada de recoñecidos escritores e escritoras

  • Carme Riera

Santiago, 23 de maio de 2015.- A perda de interese do pobo pola literatura ao deixar de ser un feito ligado á cuestión nacional centrará a intervención da escritora Carme Riera na nova sesión do ciclo ‘Cara a onde? Observando a transformación cultural e social desde a literatura’. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle hoxe sábado a terceira xornada deste ciclo, que se presenta baixo o título ‘A literatura morreu, viva o fútbol’.

Nesta nova sesión do ciclo, dirixido e moderado polo escritor galego Alfredo Conde, Carme Riera exporá a perda de interese do pobo pola literatura ao deixar de ser un feito ligado á cuestión nacional, fronte aos equipos de fútbol, que si conseguen -segundo a autora- esa forte relación a pesar da orixe diversa dos seus integrantes. Premiada pola autoría de novelas, contos e ensaios en catalán e castelá, Carme Riera é membro da Real Academia Española e da Real Academia de Boas Letras de Barcelona. A súa obra foi traducida a numerosas linguas entre as que se atopa o alemán, o ruso, o grego ou o hebreo.

A sociedade e a cultura desde a ollada dos escritores
Nacido ao abeiro da literatura para analizar desde a ollada dos escritores e das escritoras a relación entre o devir da sociedade e a cultura, o ciclo conta coa participación de voces literarias claves na actual construción cultural.

O escritor e académico da lingua vasca Bernardo Atxaga foi o encargado de abrir este ciclo no mes de marzo, que contou na súa segunda sesión, o pasado abril, coa intervención de Suso de Toro, así como coa participación de Henrique Alvarellos, Xosé López Silva e Ramón Nicolás, coñecedores e analistas da produción literaria actual que incorporaron outros puntos de vista ao debate.

BradleyEpps pechará o ciclo
BradleyEpps será o encargado de pechar o ciclo o vindeiro 20 de xuño, co relatorio ‘A que(e)renza do normal: tensións e torceduras da identidade nacional e lingüística’. Profesor de literatura española en diversas universidades de Estados Unidos e Reino Unido como Harvard ou Cambridge, e fondo coñecedor das diferentes realidades culturais da península Ibérica, os seus traballos tocan temas como a muller, o xénero, a literatura ou a arte. Epps reflexionará sobre o estado permeable e precario das letras e sobre a estranxeiría como condición continxente: non se é estraño ou estranxeiro senón que se está. Unha condición que atravesa toda lingua normalizada, non normalizada e por normalizar.

A información sobre o ciclo está accesible na Axenda de Cultura de Galicia, en cultura.gal.
 

Comparte