Nova: O Centro Coreográfico Galego oferta seis cursos intensivos de verán
25/05/2015
O Centro Coreográfico Galego oferta seis cursos intensivos de verán
Os talleres, para os que xa está aberto o prazo de inscrición, serán impartidos durante o mes de xullo por profesionais de renome como Íker Gómez, Ángel Rodríguez, Jordi Vilaseca, Antonella Sampieri, Gonzalo Zaragoza e Virginia Valero
O programa formativo do CCG diríxese a bailaríns e bailarinas, profesorado de danza e estudantes de nivel medio alto
A Coruña, 25 de maio de 2015.- O Centro Coreográfico Galego (CCG) abre o prazo de inscrición para os seis obradoiros intensivos de danza contemporánea, clásica e neoclásica que organiza na súa sede da Coruña para o próximo mes de xullo. Profesionais da traxectoria de Íker Gómez, Ángel Rodríguez, Jordi Vilaseca, Antonella Sampieri, Gonzalo Zaragoza e Virginia Valero serán os docentes desta nova convocatoria de cursos de verán.
Dirixidos a bailaríns e bailarinas, profesorado de danza e estudantes de nivel medio-alto, estes encontros insírense no plan de formación continua que a unidade de produción coreográfica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove durante todo o ano e dentro do que, durante este mes de maio, se está a desenvolver un curso intensivo de danza clásica a cargo do mestre cubano Lázaro Carreño.
Calendario das actividades
O novo programa arranca na semana do 29 de xuño ao 3 de xullo cun obradoiro de danza contemporánea e composición coreográfica impartido polo coreógrafo e vídeocreador Iker Gómez. Tras cinco anos actuando como bailarín en teatros europeos como o Ballet Nacional de Suíza ou o Regensurg Tanztheater ás ordes de Jirí Kylián, Stjin Cellis, Rui Horta, Jo Stromgren ou Wim Vandekeybus, entre outras figuras internacionais, Gómez dirixiu a súa carreira cara á dirección escénica, a coreografía, a investigación e as artes audiovisuais. É, ademais, profesor do Instituto Universitario de Danza Alicia Alonso da Universidad Rey Juan Carlos.
Entre o 6 e o 10 de xullo terán lugar cadansúa cita formativa cos mestres Ángel Rodríguez e Jordi Vilaseca. A danza neoclásica será o eixo central do curso que conducirá na Coruña Ángel Rodríguez. Coreógrafo e mestre de formación e traxectoria ecléctica, foi adxunto á dirección do Ballet Carmen Roche, ademais de ter creado pezas para destacadas compañías dentro e fóra de España, como a Nacional de Danza, a de Rafael Amargo, o Ballet do Teatro Mijáilovski de San Petesburgo ou o propio Centro Coreográfico Galego, para o que en 2011 asinou ‘Dulce memoria’ como parte do espectáculo ‘3DTres’.
Pola súa banda, Jordi Vilaseca ofrecerá nesa mesma semana un curso de danza contemporánea, combinado cun taller coreográfico. Creador e cofundador da compañía Protecto d_Ruses, Vilaseca conta –a pesar da súa xuventude– cun intenso currículo como bailarín en compañías dentro e fóra de España, entre as que se atopa o propio CCG, para o que bailou nos espectáculos ‘Kiosco das almas perdidas’, de Roberto Oliván, e ‘Giseliña’, de Cisco Aznar.
A danza contemporánea será, igualmente, o obxecto do curso que impartirá do 13 ao 17 de xullo a bailarina arxentina Antonella Sampieri, quen tamén formou parte do corpo de baile do Centro Coreográfico Galego nos espectáculos ‘Etheria’, de Mercedes Suárez, e ‘3Dtres’, con coreografías de Tony Fabre, Ángel Rodríguez e Amaury Lebrun. Actuou, ademais, coa Compañía do Teatro San Martón de Bos Aires, Compañía de Miguel Robles, Transt Dansa, Compañía A Cabeza Descalda e The Elephant in the Black Box, entre outras formacións.
Técnica clásica
O quinto encontro correrá a cargo de Gonzalo Zaragoza, xefe de estudos do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Ávila’, onde imparte Técnica Clásica e Metodoloxía Didáctica da Danza Clásica. Xunto coa súa experiencia docente, tanto no conservatorio superior madrileño como na escola de Carmen Roche e no Real Conservatorio Profesional de Danza ‘Mariemma’, fixo así mesmo carreira internacional como bailarín en Les Ballets de Monte Carlo ou no London City Ballet, entre outros. Na Coruña, o seu taller de danza clásica celebrarase do 20 ao 24 de xullo.
A directora do Conservatorio Superior de Danza de Madrid ‘María de Avila’, Virgina Valero, tamén visitará en xullo o Centro Coreográfico Galego para pechar esta nova entrega do programa formativo do 27 ao 31 de xullo, cun último curso de danza clásica. Neste caso, os alumnos terán a oportunidade de consolidar e mellorar a súa técnica da man dunha profesora cunha intensa e moi ampla traxectoria docente neste ámbito e membro, ademais, do Consello Nacional das Artes Escénicas do Ministerio de Cultura e do Consello Nacional da Danza.
O prazo de matrícula para cada un destes obradoiros permanecerá aberto ata o venres anterior ao seu comezo. O CCG ofrece diferentes modalidades de matrícula, que permiten combinar a participación en varios cursos, así como a asistencia a clases soltas ou como alumnado oínte. No web www.centrocoreografico.org está dispoñible toda a información sobre proceso de inscrición e os diferentes prezos de matrícula.