Nova: Arranca Do Audible cunha viaxe musical polas cidades invisibles de Italo Calvino
26/05/2015
Arranca Do Audible cunha viaxe musical polas cidades invisibles de Italo Calvino
A primeira sesión é na Fundación Luis Seoane da Coruña cun achegamento á música contemporánea en diálogo con outros campos de expresión
Santiago, 26 de maio de 2015.- O ciclo Do Audible abre a programación da súa terceira edición cunha proposta na que convida a se achegar á música contemporánea a partir do libro ‘As cidades invisibles’, de Italo Calvino, e da man dun dos grandes divulgadores actuais da música en España, Fernando Palacios. O compositor e profesor de pedagoxía musical será o encargado de conducir a primeira sesión deste ciclo co que a Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración coa formación Vertixe Sonora Ensemble, promove o diálogo entre a música contemporánea con outros campos de expresión como a ciencia, a arte e, en xeral, o pensamento.
A Fundación Luís Seoane da Coruña acollerá hoxe martes, ás 20:30 horas, a primeira sesión do ciclo, á que lle dá nome a obra ‘As cidades invisibles’. Nesta viaxe por cidades imaxinadas que poden “ser vistas e oídas como pura música”, o ciclo propón un achegamento á figura de Italo Calvino, pero tamén á doutros escritores, como o xaponés Yasunari Kawabata.
O repertorio musical da sesión, que será interpretado pola formación Vertixe Sonora Ensemble –con Pablo Coello, Celia Adrián, Thomas Piel, Carlos Méndez, Rubén Barros, David Durán e Diego Ventoso– inclúe as obras ‘Apartamento Polsen Apartamento Peterson’, de Mauricio Pauly; ‘Spill’, de Bernardo Barros, e ‘Mittel und Zwecke’, de Stefan Beyer.
Ademais, a sesión inaugural tamén contará coa agrupación 4+1 Piano Ensemble –formada por Elena Rodríguez García, Iago Hermo, Rosalía Becoña e Daniel Chaves Cores–, que interpretará a peza ‘Escenas I, II e III’, de Iago Hermo.
Próximas citas
Do Audible 2015, que enmarca cada unha das súas sesións nun campo temático, continuará coa cita ‘Eloxio do mínimo’, na Casa do Saber, en Lugo, o 30 de xuño; con ‘Incerteza’, no Café Morderno de Pontevedra, o 20 de outubro; e con ‘Baleiro’, o 25 de novembro, no Museo Ramón María Aller, onde rematará a terceira edición do ciclo.
Nas diferentes sesións, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal, o ciclo contará coa participación dos divulgadores e investigadores Federico López Silvestre, Ana Ulla Miguel e Javier Turnes, que dialogarán cos compositores Alberto Bernal, Joan Bagés i Rubí e Miguel Ángel Tolosa.
Novos camiños na creación contemporánea
Do Audible constitúe unha das liñas de innovación na programación musical da Consellería de Cultura e Educación que ten como un dos seus obxectivos principais abrir camiños novos na creación sonora contemporánea e establecer diálogos actuais entre as diversas disciplinas artísticas e científicas.