Nova: O CGAI conmemora o centenario do technicolor

26/05/2015

O CGAI conmemora o centenario do technicolor

Proxecta de 'Toll of the Sea’ e ‘Nadais Brancos' para lembrar os inicios deste proceso de cor, que cos anos se convertería no selo de calidade fotográfica máis empregado en Hollywood

  • Toll of the Sea Toll of the Sea
  • Nadais brancos Nadais brancos

A Coruña, 26 de maio 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e IB Cinema colaboran na organización dun especial sobre o Technicolor co gallo do centenario deste proceso de cor desenvolvido a partir de 1915 pola Technicolor Motion Picture Corporation. Esta conmemoración articúlase en dúas sesións, que terán lugar na sede da Filmoteca de Galicia na Coruña o xoves 28 e o venres 29, ás 20.30 horas, e durante as que se proxectarán respectivamente a primeira longametraxe filmada en Technicolor (‘Toll of the Sea’, 1922) e a primeira en Vista Visión (‘Nadais brancos’, 1954).

A cita do xoves ofrecerá un achegamento aos inicios deste proceso, que cos anos se convertería nun dos selos de calidade fotográfica por excelencia e nun dos máis empregados en Hollywood ata primeiros dos anos cincuenta. De feito, “Color by Technicolor” foi o slogan que empregaron como reclamo algúns dos maiores éxitos da industria cinematográfica estadounidense da época, como ‘Gone with the Wind’ (‘Foise co vento’).

Proxección con música en directo
Con tal fin exhibirase ‘Toll of the Sea’, o filme de Chester M. Franklin rodado nun aínda primitivo Technicolor de dúas matrices. A proxección, con subtítulos en galego, contará co acompañamento ao piano de Irma Fernández Alonso. Xunto con esta fita, poderá verse tamén a curtametraxe ‘La Cucaracha’ (1934), primeira película de imaxe real xa en completo Technicolor de tres matrices, así como un set de tráilers baixo o título ‘María Montez, la reina del Technicolor’.

O venres 29 será a quenda de ‘Navidades blancas’ (‘White Christmas’/’Nadais brancos’), filme de Michael Curtiz que é, ademais, a primeira longametraxe realizada en Vista Visión, xa en pleno esplendor do Technicolor. Proxectarase en versión orixinal con subtítulos en castelán.

Curtas para Rosalía
A programación do CGAI continuará o sábado 30 cunha nova entrega da sección Off Galicia que, desta volta, presentará os traballos gañadores das últimas cinco edicións do certame Curtas para Rosalía, promovido pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

A carteleira do CGAI-Filmoteca de Galicia pode consultarse no web www.cgai.org.

Comparte