Nova: Elías Portela recibe o XII Premio de Poesía Afundación

27/05/2015

Elías Portela recibe o XII Premio de Poesía Afundación

Vigo acolleu o acto desta edición na que foi gañadora a obra ‘Bazar de traidores’

  • Elías Portela Elías Portela

Vigo, 27 de maio de 2015.- “Cada edición do Premio de Poesía Afundación achega unha nova obra valiosa para a construción dunha literatura galega viva, capaz de entrar con pé firme na diversidade literaria internacional propia do noso tempo”. Así se expresaba o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de entrega da décima segunda edición do certame, na que foi galardoado Elías Portela pola obra ‘Bazar de traidores’.

Na súa intervención, o secretario xeral felicitou o escritor de Cangas, que, segundo dixo, “afrontou en solitario empresas de gran magnitude, en canto á vontade de abrir espazos novos e pontes entre linguas”, e agradeceulle a apertura, coa súa obra, dun “novo espazo de personalidade e de exploración artística moi de agradecer no noso ámbito literario”.

“Ese é o espírito e a intención da colaboración da Consellería de Cultura e Educación neste certame, que vimos acompañando e apoiando cada ano desde a Secretaría Xeral de Cultura”. Un certame promovido polo Centro PEN Galicia e Afundación que “mantén esa esencia coa que naceu de ofrecer algo valioso para o desenvolvemento da nosa identidade”.

“Este compromiso que abordamos da man de Afundación e do Centro PEN Galicia non tería sentido –dixo– sen a resposta dos autores, creadores e creadoras como Elías Portela que, máis alá dos seus proxectos individuais, asume a través desta participación un papel activo nesta iniciativa que cremos de beneficio colectivo”.

Páxinas novas e valiosas para a literatura galega
“Desde a Secretaría Xeral de Cultura entendemos que o camiño está aí: en seguir bebendo da nosa tradición literaria, seguir creando páxinas novas e valiosas para a nosa literatura, ou mellor aínda, para os nosos lectores e lectoras, páxinas para a nosa xente”, concluíu.

No acto de entrega tamén interviron, ademais do galardoado, Luís González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia; Óscar Villar, padroeiro de Afundación; e Xabier Castro, secretario do xurado.

‘Bazar de traidores’, presentada baixo o lema ‘Vaca insepulta’, foi escollida entre os 37 orixinais que concursaron polo xurado, conformado por Luís González Tosar, Óscar Xabier Castro Martínez, Bieito Iglesias Araúxo, Francisco Pérez Lorenzo e María Dolores Villanueva Gesteira, que valoraron a innovación das imaxes e da estrutura da obra, a mestura dos rexistros culto e popular e a capacidade da crítica vitalista acompañada dun notable sentido do humor.

Tal e como recolle a acta, “o poeta actualiza o legado da vangarda histórica de Manuel Antonio usando unha linguaxe expresiva dun contexto contemporáneo, cosmopolita e á vez inserido nunha forte identidade persoal”. Por outra banda, o xurado destacou o gran nivel dos traballos presentados nesta convocatoria, feito que evidencia “a boa saúde da creatividade dos poetas galegos e que deixa constancia de que a poesía está a vivir un momento poderoso e que asiste a un cambio de ciclo”.

Este novo libro de Elías Portela é o número 23 da Colección Arte de Trobar, que conta entre a súa nómina de autores con figuras tan destacadas das letras galegas como Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Marilar Alexandre, Xohana Torres e Luz Pozo, entre outros.

O gañador da duodécima edición
Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981) é un poeta e tradutor en galego, español e islandés. A súa traxectoria literaria nesta lingua comeza baixo o anonimato que crea co pseudónimo Elías Knörr, ocultando así a súa orixe estranxeira e creando tamén un heterónimo co que dialogará en ‘Cos peitos desenchufados’.

Na primavera de 2010, a Poetry Society de Reino Unido escólleo como un dos 3 poetas máis representativos da lírica actual islandesa. En outubro de 2010 publica ‘Sjóarinn með morgunhestana undir kjólnum’ aínda baixo pseudónimo na editorial Stella, aínda que o 24 de novembro dese mesmo ano a editorial fai pública a súa identidade logo dunha excelente acollida por parte da crítica.

Paralelamente á creación literaria, Portela traduciu varias obras da literatura islandesa actual: as novelas ‘Skugga-baldur’, de Sjón, e ‘Anxos do universo’, de Einar Már Gudmundsson, ademais das chamadas ‘Sagas de Vinlandia’.

Nova convocatoria do premio
As persoas interesadas en participar na décimo terceira convocatoria do Premio de Poesía Afundación poderán presentar os seus orixinais ata o próximo 2 de outubro, data na que termina o prazo de entrega desta nova edición que a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) organiza en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e co Centro Pen de Galicia. O seu obxectivo é recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.

Ao certame poderán concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e como presidente actuará o titular do Centro Pen de Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre de 2015. O texto ganador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

Comparte