Nova: A comedia británica O noso último verán en Escocia estréase en versión dobrada ao galego en 14 cines
29/05/2015
A comedia británica O noso último verán en Escocia estréase en versión dobrada ao galego en 14 cines
A película, protagonizada por Rosamund Pike e David Tennant, foi dobrada e mesturada para cinema en Cinemar Films por un equipo de máis de 20 profesionais
Santiago de Compostela, 29 de maio 2015.- A comedia británica ‘O noso último verán en Escocia’ estréase en Galicia na súa versión dobrada ao galego, que poderá verse en 14 salas de oito localidades a partir de hoxe venres. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)–, a Televisión de Galicia e a distribuidora A Contracorriente Films colaboran nesta iniciativa, que incide tanto na promoción do consumo cultural no noso idioma como na dinamización do sector da dobraxe na Comunidade.
A versión dobrada de ‘What We Did on Our Holiday’, unha das grandes sorpresas do ano nas carteleiras do seu país, preestreouse ás 20.00 horas de onte xoves nos cines Cinesa As Cancelas, de Santiago de Compostela. Desde hoxe, e coincidindo coa súa estrea no circuíto comercial español, exhibirase tamén na Coruña (Cantones Cines, Espacio Coruña Yelmo Cines, Rosales Yelmo Cines, Cinesa Marineda), Lugo (As Termas Cines), Narón (Odeón Multicines), Ourense (Multicines Ponte Vella), Pontevedra (Multicines Cinexpo), Vigo (Gran Vía Cines, Cines Praza Elíptica, Vigo Yelmo Cines, Multicines Norte) e Vilagarcía de Arousa (Multicines Gran Arousa).
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Jacobo Sutil, director da Agadic; Rosa Vilas, directora da TVG; e Fernando Riera, de A Contracorriente Films, presentaron en Santiago esta iniciativa, que lle ofrece ao público galego a posibilidade de gozar no noso idioma dun dos últimos éxitos do cinema británico, con Rosamund Pike e David Tennant como parella protagonista, e avalado polos máis de seis millóns de euros de recadación que obtivo no Reino Unido.
Cinema internacional en galego
Un dos obxectivos da colaboración que bota a andar con ‘O noso último verán en Escocia’ é promover a lingua propia de Galicia e darlle visibilidade desde o ámbito do audiovisual, tal e como sinala o Plan xeral de normalización da lingua galega, así como ofrecer produtos en galego destinados ao consumo cultural para que, do mesmo xeito que sucede no ámbito da tradución literaria, a cidadanía teña a opción de ver en galego destacados filmes do circuíto comercial internacional.
Ao tempo, ábrese unha vía de apoio ao sector da dobraxe en Galicia que, neste caso, supuxo a implicación de máis de 20 profesionais. Charo Pena foi a directora da dobraxe desta versión, realizada e mesturada para cine por Cinemar Films.
Xunto con Charo Pena, Antón Olmos, Beatriz García, Ana Lemos, Ana Ouro, Tere Santamaría, Luís Iglesias, Tacho González, Xermana Carballido, Gaspar González e Carmen Rodríguez puxéronlle voz aos personaxes de ‘O último verán en Escocia’. Antonio Rubal, Matías Brea, Marián Muíño, Antonio Rey, X. Manuel Rodríguez, Carlos Jiménez e Isabel Vallejo encargáronse da ambientación, mentres que Rosa Moledo asinou a tradución ao galego.
Comercialización das producións galegas
Coa posta en marcha deste proxecto estréitase, ademais, a colaboración entre a Agadic e A Contracorriente Films, unha das empresas distribuidoras de referencia no circuíto español, coa finalidade de favorecer tamén a comercialización de producións cinematográficas galegas. Así mesmo, ‘O noso último verán en Escocia’ pasará a formar parte da próxima edición do catálogo de Cinemas de Galicia, que a Axencia Galega das Industrias Culturais lles achegará aos programadores dos espazos asociados a esta rede municipal de exhibición cinematográfica.
Producida por BBC Films e dirixida por Andy Hamilton e Guy Jenkin, responsables da serie británica ‘Outnumbered’, esta longametraxe logrou o premio do público na pasada edición da Seminci (Semana Internacional de Cine de Valladolid), ademais de ser unha das máis valorada das fitas proxectadas na sección oficial do festival compostelán Cineuropa.
Rosamund Pike, candidata ao Oscar á mellor actriz por ‘Perdida’, e David Tennant, moi popular pola súa interpretación do Doctor Who na célebre serie da BBC e polo seu papel protagonista en ‘Broadchurch’, entre outros, dan vida a unha parella londiniense que, en plena crise matrimonial, ten que viaxar cos seus fillos ás Highlands escocesas para celebrar o aniversario do avó enfermo. Para non contrarialo, a familia decide simular que todo é harmonía entre eles, dando pé a unha manchea de malentendidos e situacións hilarantes.