Nova: O Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa representa en Santiago Sax tenor, de Vidal Bolaño

29/05/2015

O Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa representa en Santiago Sax tenor, de Vidal Bolaño

O principal teatro público portugués leva a escena por vez primeira unha obra galega como resultado do acordo que mantén co CDG para o intercambio de autores fundamentais das dramaturxias de Galicia e Portugal

Santiago, 29 de maio de 2015.- O Teatro Nacional D. Maria II (TNDM II) de Lisboa chega a Santiago de Compostela para representar hoxe venres e mañá sábado 30 no Teatro Principal a obra de Roberto Vidal Bolaño ‘Saxo tenor’, ‘Sax tenor’ na súa versión portuguesa. Esta produción, a primeira que o principal teatro público do país veciño realiza a partir dunha obra galega, forma parte do acordo que o TNDM II mantén co Centro Dramático Galego (CDG) para o intercambio de autores fundamentais de ambas as dramaturgias.

Dentro desta mesma iniciativa de intercambio, a compañía institucional galega representa ‘Xardín suspenso’, do autor luso Abel Neves, desde o xoves e ata o vindeiro domingo na sede do Dona Maria II en Lisboa, onde conclúe o percorrido deste espectáculo dirixido por Cándido Pazó.

Pola súa banda, en Santiago ‘Sax tenor’ poderá verse hoxe, ás 17.30 horas, e o sábado, ás 20.30 horas. Ademais, a compañía pública portuguesa ofrecerá un pase escolar mañá, ás 11.00 horas.

Dirixido por José Martins
José Martins é o director escénico de ‘Sax tenor’, que el mesmo traduciu ao portugués xunto ao responsable do CDG, Manuel Guede Oliva. Martins volve, así, poñerse á fronte dun espectáculo con autoría de Vidal Bolaño, do que xa dirixira ‘Mar revolto’ para o CDG, ademais de protagonizar como actor ‘A burla do galo’, tamén producido pola compañía da Xunta de Galicia.

Nesta montaxe para o Teatro Nacional D. Maria II, o director portugués conta cun total de 14 intérpretes (João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe) para lle dar vida aos numerosos personaxes desta “desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e putas”, tal e como foi subtitulada no seu día polo propio autor. Rui Francisco é o deseñador da escenografía e do vestiario, mentres que José Carlos Nascimento asina a iluminación.

O texto de Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) foi proposto polo Centro Dramático Galego para esta colaboración institucional co Teatro Nacional D. María II como un dos textos claves da ampla obra do que é un dos máis importantes dramaturgos galegos contemporáneos. Definido pola compañía pública portuguesa como “herdeiro lexítimo de Ramón María del Valle Inclán”, o autor e director galego escribiu esta peza en 1991 a modo de esperpento do século XX, cunha trama que se desenvolve á sombra da catedral compostelá. O texto foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e levado a escena por Teatro do Aquí, a compañía de Roberto Vidal Bolaño, baixo a súa dirección.

Venda de entradas
As entradas para as funcións de ‘Sax tenor’ en Santiago de Compostela están á venda no web entradas.abanca.com, no teléfono 902 434 443 e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto ao público de 18.00 a 21.00 horas. O espectáculo inclúese, así mesmo, na oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Comparte