Nova: O Gaiás convida a gozar das emocións do Camiño da man de Pepe Solla e DJ Analïs
29/05/2015
O Gaiás convida a gozar das emocións do Camiño da man de Pepe Solla e DJ Analïs
O célebre cociñeiro será o encargado de preparar un menú músico-gastronómico nesta segunda sesión de ‘Enocións by Ribeiro: o Camiño das emocións’, ciclo que conxuga arte e cultura do viño
As entradas están a venda en online en www.ataquilla.com e fisicamente na tenda A Reixa en Santiago e na sede da D.O. do Ribeiro en Ribadavia
Santiago, 29 de maio de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da man da D.O. Ribeiro, convida o vindeiro 11 de xuño a vivir as emocións do Camiño de Santiago da man dos sabores de Pepe Solla e dos ritmos de DJ Analïs.
O célebre cociñeiro do Grupo Nove e dj Analïs serán os protagonistas da segunda sesión do ciclo ‘Enocións by Ribeiro: o Camiño das emocións’, que explora a relación entre as emocións do Camiño, o mundo das artes e a cultura do viño.
O ciclo, que se inaugurou coa actuación de Guadi Galego e as imaxes de Xurxo Lobato, ofrecerá nesta segunda sesión, na que a maridaxe perfecta se establece coa forza da natureza e as paisaxes da ruta xacobea. As entradas están a venda a un prezo de 12€ en www.ataquilla.com (+gastos de xestión) e fisicamente na tenda A Reixa en Santiago e na sede da D. O. Ribeiro en Ribadavia.
Pepe Solla, un dos cociñeiros galegos máis coñecidos, fundador do Grupo Nove e propietario dun restaurante cunha estrela Michelin, será o encargado de preparar un menú músico-gastronómico que transportará aos asistentes a cor e forza da natureza do Camiño. Nesta experiencia sensorial estará acompañado por DJ Analïs e, por suposto, catro viños da D.O. Ribeiro. Todo tras unha visita á exposición ‘Camiño. A orixe’, que pode verse no Museo Centro Gaiás ata o 13 de setembro.
Clausura en setembro con Carlos Blanco
Será o humorista Carlos Blanco o encargado de pechar ‘Enocións by Ribeiro’ o xoves 10 de setembro cunha sesión onde o humor, a alegría e o optimismo serán as emocións protagonistas. Todas as sesións contarán con visitas guiadas á exposición e cunha cata de viños, neste caso maridada coa retranca do brillante cómico de Arousa.
A D.O. Ribeiro é unha das institucións colaboradoras da exposición ‘Camiño: a orixe’, unha mostra na que o Museo Centro Gaiás recupera a través dunha selecta escolma de obras de arte a historia de cómo empezou o que hoxe é un fenómeno universal: o Camiño.