Nova: #NEThinking 2015 promove o debate sobre as novas formas de comunicar na rede

30/05/2015

#NEThinking 2015 promove o debate sobre as novas formas de comunicar na rede

Na quinta edición do encontro, na Illa de San Simón, participaron destacadas figuras do escenario dixital

Illa de San Simón (Redondela), 30 de maio de 2015.- A Illa de San Simón, no concello pontevedrés de Redondela, acolle hoxe a segunda e última sesión de #NEThinking 2015, un encontro promovido pola Secretaría Xeral de Cultura no que participan cada ano recoñecidos expertos co fin de compartir reflexións sobre as novas formas de comunicación no contorno dixital.

“Para a Secretaría Xeral de Cultura é imprescindible facilitar este espazo histórico para falar de comunicación na contemporaneidade”, afirmou o titular do departamento, Anxo Lorenzo, que lles deu a benvida esta mañá aos participantes da quinta edición deste encontro e que lles agradeceu a súa presenza en San Simón para poñer de manifesto que “desde calquera punto do planeta podemos motivar a reflexión sen fronteiras xeográficas grazas aos novos medios, á posta en práctica de novos formatos e, sobre todo, á vontade e implicación”, dixo.

San Simón, inspiración para novas ideas
En relación á contorna na que se vén realizando o encontro, coordinado por Laboratorio de Ideas y Comunicación, Anxo Lorenzo referiuse “á paisaxe, á singularidade, á carga simbólica e á propia historia que se respira na illa, que de seguro actuaron estes días como elemento inspirador de novas ideas e das novas linguaxes, esas que vós dominades a través das tecnoloxías”. Finalmente, tamén saudou a todos as persoas que seguen o encontro desde outras partes de todo o mundo.

A quinta edición de #NEThinking, que se desenvolve os días 29 e 30 de maio, conta con algunhas das figuras máis influentes do escenario dixital, desde comunicadores e bloggers ata artistas, e cada ano suma aos seus habituais compoñentes novas incorporacións. É o caso, nesta ocasión, da investigadora e consultora Estrella Montolio, do guionista e comunicador José A. Pérez Ledo, dos cómicos Alberto Casado e Rober Bodegas, do columnista Manuel de Lorenzo e do escritor e analista Antón Losada.

Coñecidos blogueiros
Nesta ocasión repiten recoñecidos e activos blogueiros como José Jiménez Moltó (Kurioso); editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Ismael El-Qudsi (IntrernetRepublica) ou Eduardo Arcos (Hipertextual); consultores como Mario Tascón (Prodigioso Volcán) e Antonio Delgado (@redada); así como o director xeral da Fundèu, Joaquín Müller; o director de Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fdez. Fasero, e os profesores Miguel Ángel López (Hematocrítico) e Joaquín Rodríguez.

Entre os participantes tamén figuran artistas, creadores e comunicadores como a guionista, xornalista e escritora Raquel Martos, que para esta edición propuxo introducir no debate voces externas de xornalistas, políticos, communitys e usuarios anónimos de Twitter para saber como utilizan as redes sociais.

Seguimento a través da rede
O uso que se lles dá ás redes sociais, os modos de escribir en internet, os límites do humor na rede ou a propaganda virtual centran este ano o foro, que se pode seguir en todo o mundo a través da rede, vía Twitter e streaming.
 

Comparte