Nova: Seminario na Coruña sobre a industria musical dirixido a emprendedores

31/05/2015

Seminario na Coruña sobre a industria musical dirixido a emprendedores

A asistencia é gratuíta previa inscrición online en www.estudiosmans.com/evento e está organizado por Agadic, Fundación Paideia e SGAE

Santiago, 31 de maio de 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Paideia e a SGAE (Sociedad General de Autores e Editores) colaboran na organización do seminario ‘Industria musical para emprendedores’, que se desenvolverá os días 5 e 6 de xuño na Coruña.

O encontro ten como obxectivo trasladarlles aos emprendedores musicais galegos os conceptos esenciais para iniciar un labor profesional no ámbito da música, mediante a identificación dun ‘abecedario urxente’ para músicos emerxentes e a explicación das nocións básicas para desenvolverse no oficio da música. Ademais, os inscritos terán a oportunidade de solucionar dúbidas formulando as súas preguntas aos especialistas participantes.

Está xa aberto o prazo de matrícula para participar neste seminario, que ten carácter gratuíto previa inscrición online en www.estudiosmans.com/evento. O lugar de celebración é o estudio de gravación Mans-Paideia, situado na parcela D-22 do coruñés polígono industrial de Pocomaco.

O programa comezará o venres 5 coa presentación a cargo de Jacobo Sutil, director da Agadic, e de Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia Galiza. A continuación intervirá Patricia Hermida, da asociación de mánagers MMF Spain, quen falará sobre as vantaxes das dúas formas de desenvolver unha carreira musical: contar cun axente profesional ou optar pola autoxestión.

Actuación de Eladio y los Seres Queridos
A xornada rematará co relato en primeira persoa de Eladio Santos, vocalista do grupo Eladio y Los Seres Queridos, quen compartirá cos presentes a súa experiencia no paso desde o local de ensaios ata os escenarios nacionais e internacionais. Á súa intervención seguiralle unha actuación en pequeno formato.

O sábado 6 de xuño abordaranse asuntos como a distribución de música nas canles de descarga dixitais e streaming, sesión na que participarán Rómulo Sanjurjo e Roi Maceda (de Dubidá Play), ou os dereitos de autor online e offline, a cargo de Juan Carlos Fernández Fasero, director da SGAE Zona Noroeste.

A última das charlas previstas versará sobre o papel da comunicación na estratexia de venda dun grupo musical, con especial referencia ás claves para xestionar as redes sociais e os soportes web. David Barajas, de Esgalla Comunicación & Marketing Digital, será o encargado de debullar estes contidos.

Comparte