Nova: Homenaxe a Ramón Piñeiro co gallo do centenario do seu nacemento
31/05/2015
Homenaxe a Ramón Piñeiro co gallo do centenario do seu nacemento
O número 15 da rúa Xelmírez, casa onde Piñeiro viviu desde os anos 50, loce a placa que o recoñece como “mestre do galeguismo”
Santiago, 31 de maio de 2015.- O mesmo día en que se fan os 100 anos do nacemento do intelectual e galeguista Ramón Piñeiro, a Consellería de Cultura e Educación e mais o concello de Santiago de Compostela rendéronlle homenaxe co descubrimento dunha placa que o lembra como “mestre do galeguismo” na casa onde residiu durante décadas e dende a que desenvolveu o seu proxecto de contactar coa mocidade universitaria dos anos 50 e 60 para descubrirlle a nosa lingua e a cultura. É o primeiro dos actos que a Xunta de Galicia ten previsto celebrar este ano con motivo do centenario deste galeguista.
O conselleiro de Cultura e Educación reivindicou a vixencia do maxisterio de Piñeiro, un home “que nunca se rendeu e por iso nunca foi derrotado”, propoñéndoo como modelo para as actuais xeracións de galegos. “Se el, en tempos tan difíciles, se mantivo con tesón no seu empeño, podemos nós hoxe deixar de traballar pola lingua e a cultura de Galicia ou negar, con pesimismo, o seu futuro? Con certeza hai neste 2015 problemas novos aos que nos temos que enfrontar, pero contamos cunha ferramenta fundamental para abordalos que, durante boa parte da súa vida, lle foi negada a Piñeiro: a democracia”, sinalou Román Rodríguez.
No acto, celebrado ás 12:00 da mañá, interviñeron, a canda o conselleiro, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Agustín Hernández Fernández de Rojas, alcalde en funcións de Santiago de Compostela; Aníbal Piñeiro López, irmán de Ramón Piñeiro; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega; Francisco Díaz-Fierros Viqueira, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Francisco Rodríguez Martínez, director da Fundación Penzol e Víctor Fernández Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia.
A todos eles, así como ás institucións que representan e á familia García-Sabell, propietaria da casa onde se descubriu a placa, agradeceulles o conselleiro a súa presenza, as facilidades dadas para a celebración do acto e o apoio prestado en vida a Ramón Piñeiro.
Mestre de galeguistas
Ramón Piñeiro López (Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990) foi un filósofo, intelectual e político galeguista que marcou coa súa impronta ideolóxica e a súa traxectoria vital a evolución do galeguismo e mais a reconstrución cultural da Galicia da posguerra, así como o nacemento da Galicia autonómica e democrática.
Membro do Partido Galeguista na súa mocidade, traballou na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Tras a guerra incorporouse á loita política clandestina contra a ditadura, que o levaría ao cárcere no ano 1946. A partir dos anos 50 avogou polo abandono da loita política directa e pola reorientación do galeguismo cara á acción cultural, que vía máis factible naquel contexto e tamén necesaria para transmitirlles ás novas xeracións que medraban baixo o férreo control ideolóxico da ditadura a sensibilidade e mais o compromiso cara á lingua e a cultura galegas. Para logralo participou activamente no proxecto da Editorial Galaxia e estableceuse en Santiago de Compostela, nunha casa cedida por Domingo García-Sabell, onde contactaría nos anos 50 e 60 coa mocidade universitaria para transmitirlle unha visión de Galicia diferente da oficial imposta polo réxime. Como escritor, destacou nesta época polo seu impulso ao ensaio filosófico en galego.
Nos últimos anos da ditadura alentou a creación de novos partidos políticos na convición de que o galeguismo representado na preguerra por un único partido debía pasar a estar presente en todo o espectro político. Coa chegada da democracia traballou por un estatuto de autonomía para Galicia con niveis competencias semellantes aos de Cataluña e o País Vasco; foi membro do primeiro Parlamento Galego, onde redactou a Lei de normalización lingüística, e primeiro presidente do Consello da Cultura Galega. A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras no ano 2009.