Nova: Corrixidos os danos causados por un lóstrego no campanario do mosteiro de San Martiño Pinario
03/06/2015
Corrixidos os danos causados por un lóstrego no campanario do mosteiro de San Martiño Pinario
A actuación supuxo un investimento de 122.000 euros por parte de Cultura
Santiago, 3 de xuño de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o mosteiro de San Martiño Pinario, onde comprobou os traballos de restauración levados a cabo no campanario da igrexa, que fora parcialmente derrubado polo impacto dun lóstrego no inverno de 2013.
O obxectivo da actuación agora rematada -froito dun compromiso co Concello de Santiago- foi precisamente recuperar este elemento que forma parte dun Ben de Interese Cultural e, por ende, favorecer a conservación dun edificio senlleiro que, xunto coa Catedral e o resto dos edificios circundantes, conforma o núcleo do casco histórico compostelán.
Na visita ao mosteiro, o titular do departamento de Cultura do Goberno galego estivo acompañado polo reitor do Seminario, Carlos Álvarez; pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, e polo subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Manuel Chaín; entre outras autoridades.
Actuacións acometidas
As actuacións levadas a cabo, nas que a Consellería de Cultura e Educación investiu preto de 122.000 euros, consistiron na limpeza xeral das fachadas e da balaustrada da torre do campanario e desalación da cantería do interior do cupulín. Así mesmo, reconstruíuse o pináculo que coroa o mesmo, e realizouse unha consolidación superficial da fábrica de granito e a hidrofugación da pedra. Ademais, substituíronse os elementos de madeira que conforman as dúas estruturas de madeira do campanario ao igual que as varandas de ferro situadas na planta do primeiro corpo.
Así mesmo, restaurouse o rexuntado en todas as fachadas do campanario, repuxéronse a cruz e o cataventos, e recompoñéronse os pináculos da balaustrada, colocáronse grapas na mesma, e reparáronse os sillares con perdida de masa.
San Martiño Pinario está constituído por unha igrexa e un mosteiro, de planta complexa, froito dunhas obras que duraron tres séculos. As dependencias principais están ao redor de catro patios e no exterior conta con tres fachadas. O flanco norte constitúe a igrexa monacal e os seus anexos. O edificio está constituído por un corpo central alongado, pechado por dúas torres. Actualmente é a sede do seminario maior da Arquidiócese de Santiago de Compostela e acolle, entre outras institucións e servizos, as dependencias do Arquivo Histórico Diocesano.