Nova: Amor flexible despídese dos escenarios con dúas funcións no Salón Teatro de Santiago

03/06/2015

Amor flexible despídese dos escenarios con dúas funcións no Salón Teatro de Santiago

A compañía compostelá escenificará esta comedia de enredo o venres 5 e o sábado 6 na sede do CDG, última parada dunha ampla xira con máis de 25 representacións

Mela Casal, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo protagonizan esta montaxe, dirixida por Alex Sampayo, que aborda as relacións de parella a través dos sete pecados capitais

  • Imaxe da obra Imaxe da obra
  • Imaxe da obra Imaxe da obra

Santiago, 3 de xuño de 2015.- Redrum Teatro conclúe esta fin de semana a xira do seu espectáculo ’Amor flexible’, do que ofrecerá dúas derradeiras funcións no Salón Teatro de Santiago este venres 5 e o sábado 6, ás 21.00 horas. A sede do Centro Dramático Galego será a última parada no percorrido que a compañía compostelá vén desenvolvendo desde hai máis dun ano con esta comedia de enredo, interpretada por Mela Casal, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo.

A montaxe, producida co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das subvencións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á actividade escénica galega, está dirixida por Álex Sampayo, coñecido tamén polos seus traballos no sector audiovisual como director de series como ‘El internado’ ou ‘Padre Casares’, entre outras. Nestes momentos, atópase inmerso na campaña de exhibición en festivais da súa primeira longametraxe, ‘Schimbare’, filme protagonizado por Candela Peña e Luís Zahera que obtivo, entre outros galardóns, o premio á mellor película na pasada edición do San Diego Film Festival, en Estados Unidos.

Autores e elenco
En ‘Amor flexible’, Sampayo leva a escena un texto asinado por Avelino González, Araceli Gonda, Tamara Canosa, Borja F. Caamaño e el mesmo, a partir do que constrúe unha historia sobres as relacións de parella a través dos sete pecados capitais. Para as interpretacións, contou con tres nomes moi coñecidos por parte dos espectadores galegos tanto polos seus traballos televisivos como teatrais. É o caso de Mela Casal, quen –con máis de trinta anos de traxectoria como actriz e destacados papeis en ‘Mareas vivas’, ‘A vida por diante’ ou ‘Luar’, entre outros programas– comparte escenario con Tamara Canosa e Guillermo Carbajo, dous actores novos aos que vimos crecer na pequena pantalla grazas a series como ‘Mareas vivas’ e ‘Pratos combinados’, respectivamente.

Redrum Teatro pon fin a esta xira para comezar a produción da súa nova proposta, ‘Noiteboa’, que interpretará Ernesto Chao xunto a Mela Casal e Guillermo Carbajo e con data de estrea prevista para o mes de setembro.

Venda de entradas
As entradas para estas derradeiras funcións do espectáculo están xa á venda a través do web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal de Santiago, aberto de 18.00 a 21.00 horas. O venres e o sábado tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do propio Salón Teatro desde as 19.00 horas. ‘Amor flexible’ inclúese, así mesmo, na oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic.

Comparte