Nova: Nexos despídese cunha sesión sobre gastronomía e literatura coa escritora Donna Leon como protagonista

06/06/2015

Nexos despídese cunha sesión sobre gastronomía e literatura coa escritora Donna Leon como protagonista

A gran dama da literatura negra reflexiona sobre a relación entre as letras e a comida, como evidencian os seus libros, ateigados de referencias gastronómicas

Completouse cun showcooking en directo a cargo de Manuel Gago e o cociñeiro Alberto Lareo, do restaurante Manso

  • A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despediu hoxe o ciclo ‘Nexos’ do Gaiás cunha innovadora sesión na que se combinou literatura e gastronomía A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despediu hoxe o ciclo ‘Nexos’ do Gaiás cunha innovadora sesión na que se combinou literatura e gastronomía
  • A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despediu hoxe o ciclo ‘Nexos’ do Gaiás cunha innovadora sesión na que se combinou literatura e gastronomía A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despediu hoxe o ciclo ‘Nexos’ do Gaiás cunha innovadora sesión na que se combinou literatura e gastronomía

Santiago, 6 de xuño de 2015.- O ciclo ‘Nexos’ do Gaiás dixo adeus cunha innovadora sesión na que se combinou literatura e gastronomía e que tivo como protagonista a unha convidada de excepción: a escritora estadounidense Donna Leon.

Coas prazas esgotadas desde hai semanas, a gran dama da literatura negra contemporánea reflexionou sobre a íntima relación que se dá entre as letras e a comida ante un auditorio no que se atopaba o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e a directora de Acción Cultural do complexo, María Pereira.

Baixo o título ‘O deleite na palabra. Larpeiradas dos literatos’, Donna Leon declarouse unha incondicional da boa mesa e así o reflexan os seus libros, ateigados de referencias gastronómicas como pode verse en ‘El sabor de Venecia’, escrito a catro mans coa súa amiga Roberta Pianaro.

O relatorio de Donna Leon completouse cun showcooking en directo a cargo de Manuel Gago, xornalista e profesor da USC, e do cociñeiro Alberto Lareo, chef do restaurante Manso. Ambos os dous levaron ao auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia a arte do engano, da fantasía, en definitiva, da gastronomía creativa.

Cociñando obras de arte
De forma paralela, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu unha sesión paralela para nenos de 5 a 12 anos, que estivo protagonizada por contos galegos relacionados coa comida. A través deles, os nenos puideron coñecer a grandes larpeiros da nosa literatura, contemplaron obras de arte feita con alimentos ou inspiradas neles e, por último, meteron as manas na masa e crearon a súa propia merenda nun obradoiro de decoración de galletas.

Como en todas as sesións deste Nexos 2015, ao finalizaren os relatorios, o público puido gozar cunha degustación ofrecida por Bodegas Martín Códax e os produtos Pan do Mar de Conservas Pérez Lafuente, colaboradores desta edición xunto ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Comparte