Nova: Máis de 300 rapaces póñenlles voz aos poemas de Cabanillas en No bico un cantar

05/06/2015

Máis de 300 rapaces póñenlles voz aos poemas de Cabanillas en No bico un cantar

Alumnas e alumnos dos conservatorios de música profesional de Galicia cántanlle ao escritor en Cambados,  a súa terra natal 

Cambados (Pontevedra), 5 de xuño de 2015.- Cambados acolleu unha especial homenaxe a Ramón Cabanillas a través da voz dos máis de 300 nenas e nenos que interpretaron os versos do poeta no marco da actividade ‘No bico un cantar’, un programa promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega que chega este ano á súa terceira edición.

Durante a presentación do concerto, que se enmarca no centenario da publicación da obra ‘Vento mareiro’ (1915), o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “os nenos e nenas que hoxe cantan a Cabanillas na súa terra natal son o mellor exemplo desa base social nacente que aspira a facer música de calidade e música con identidade”, ao tempo que se referiu aos máis novos como “unha parte fundamental da construción cultural de Galicia, porque son os que aseguran a solvencia e proxección do noso futuro cultural”.

Anxo Lorenzo felicitou, en nome do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o alumnado dos conservatorios profesionais de música de Galicia así como da Escola Municipal de Música de Cambados que participaron nesta edición, baixo a dirección de Maximino Zumalave co acompañamento musical do grupo de metais Hércules Brass, e puxo en valor a actividade como “unha oportunidade magnífica para todos eles de enfrontarse ás partituras dos compositores máis solventes de onte e de hoxe, e de coñecer polo miúdo a obra poética dunha das plumas máis relevantes da nosa historia literaria”.

En referencia á música e á literatura, protagonistas de ‘No bico un cantar’, o secretario xeral destacou a súa gran capacidade de chegada aos públicos e puxo en valor a “forte e rica tradición cultural” coa que conta Galicia en ambas as dúas artes, “non só como elemento de consumo cultural, senón tamén desde o papel activo da sociedade na participación creativa”.

Novos públicos cada vez máis preparados
Ao fío disto, afirmou que “as bandas de música, as corais ou a forte presenza das agrupacións de música e canto tradicional forman parte da cultura participativa herdada” e recordou que “hoxe, desde as escolas deste tipo de agrupacións e desde os conservatorios e as escolas de música estamos a formar unha ampla base de novos músicos, de novos intérpretes e tamén de novos públicos cada vez máis preparados e capaces de entender e gozar da música en plenitude”.

Tamén salientou Anxo Lorenzo na súa intervención que o concerto “non é o cantar dun día, senón froito dun traballo, primeiro, de moitos anos, de aprender a linguaxe da música nun sentido amplo, e do traballo de moitas semanas, guiado polo profesorado, de asimilar as partituras seleccionadas”.

Concretamente, o programa da terceira edición incluíu catro poemas de Ramón Cabanillas que recollen trazos da súa poética total. Os textos seleccionados, “Pregaria”, “Fala unha laverca”, “Era un piniño novo” e “Aureana do Sil”, xunto co poema de Rosalía de Castro “Maio longo”, foron musicados por diferentes compositores recoñecidos da música culta galega, como son José Baldomir ou Eduardo Rodríguez-Losada, así como a versión que fixo o coñecido compositor catalán Frederic Mompou do poema “Aureana do Sil”, en homenaxe ás mulleres que buscaban ouro nos ríos galegos.

Como vén sendo habitual neste programa, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dun poema. Nesta edición, Margarita Soto Viso foi a responsable de poñerlle música ao poema “Fala unha laverca”, cuxa estrea terá lugar o día do concerto.

‘No bico un cantar’
Un verso dun poema de Curros Enríquez a Rosalía, ‘No bico un cantar’, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura e Educación, apoiado por Vegalsa-Eroski, que naceu en 2013 co obxectivo de lles achegar aos escolares de toda Galicia a música clásica en diálogo coa poesía galega.

Nese ano, cando se cumpría o 150º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto, que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez. Nesa ocasión estrouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o Consello da Cultura Galega lle encargou a Xabier Comesanha.

Comparte