Nova: O CGAI homenaxea o cinema do húngaro Miklos Jancsó proxectando os seus filmes máis emblemáticos

08/06/2015

O CGAI homenaxea o cinema do húngaro Miklos Jancsó proxectando os seus filmes máis emblemáticos

A Filmoteca de Galicia dedicaralle os vindeiros martes de xuño a esta figura do cinema da Europa do Leste con sesións dobres de ‘Los desesperados’, ‘Los rojos y los blancos’, ‘Silencio y grito’ e ‘La confrontación’

  • Fotograma de 'Los desesperados'

A Coruña, 8 de xuño de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) dedicará os próximos martes do mes de xuño a lembrar o cineasta húngaro Miklos Jancsó a través de catro títulos emblemáticos na súa longa traxectoria. ‘Los desesperados’, ‘Los rojos y los blancos’, ‘Silencio y grito’ e ‘La confrontación’ son os filmes seleccionados para este especial sobre un dos mestres da composición panorámica, das tomas longas e das coreografías fílmicas.

Figura do cinema do Leste de Europa durante os anos sesenta e setenta, Miklos Jancsó (1921-2014) é considerado como o director húngaro máis importante de todos os tempos. Comeza a dirixir na década dos cincuenta e axiña fai gala dos riscos autorais e temáticos que definen o seu traballo: o manierismo, as secuencias e planos longos, as súas elaboradas coreografías e a procura das raíces culturais asociadas ao mundo rural. Finalmente, esta estilización levada ao extremo desembocaría nunha longa carreira no cinema, pero tamén na televisión e no teatro, que sería homenaxeada internacionalmente nos festivais de Cannes e de Venecia.

En ‘Los desesperados’, filme de 1965 co que acada o recoñecemento fóra de Hungría, amosa tamén outra das súas constantes temáticas, a través da que ofrece unha ollada sobre a represión e os mecanismo do poder. Tras a exhibición deste filme mañá día 9 na sede do CGAI na Coruña, chegará a quenda para ‘Los rojos y los blancos’ (16 de xuño) e ‘Silencio y grito’ (23 de xuño), títulos de 1967 e 1968 que, xunto con ‘Los desesperados’, integran a chamada ‘Triloxía da Historia’ arredor dalgúns dos momentos sociopolíticos máis relevantes do seu país: o levantamento húngaro de 1848 contra os Habsburgo, o 50º aniversario da Revolución Rusa e a Hungría de 1919.

Versión orixinal subtitulada ao galego
O ciclo, programado en colaboración co ImagineIndia International Film Festival de Madrid, completarase o día 30 con ‘La confrontación’ (1969), peza arredor do asalto a un centro relixioso e a posterior pugna entre estudantes marxistas e seminaristas. O CGAI ofrecerá sesións dobres, ás 18.00 e ás 20.30 horas, destas catro fitas, que se exhibirán en 35 mm e en versión orixinal con subtítulos ao galego
 

Comparte