Nova: Ramón Villares fala do interese dos arquivos privados para a investigación

12/06/2015

Ramón Villares fala do interese dos arquivos privados para a investigación

Conferencia de Ramón Villares,  dentro das actividades conmemorativas do Día Internacional dos Arquivos e complementaria a exposición ‘Memorias de familia’, que se pode ver no Arquivo de Galicia 

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participa nas actividades conmemorativas do Día Internacional dos Arquivos O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participa nas actividades conmemorativas do Día Internacional dos Arquivos

Santiago, 12 de xuño de 2015.- Como peche á programación conmemorativa do Día Internacional dos Arquivos promovida durante toda esta semana pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Arquivo de Galicia organizou esta mañá a conferencia ‘Os arquivos privados: salvar o patrimonio, fomentar a investigación’, impartida polo catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Villares.

A importancia dos arquivos para a investigación e o coñecemento do pasado centrou o relatorio do tamén presidente do Consello da Cultura Galega, que foi presentado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nun acto no que tamén participou a subdirectora xeral de Arquivos, Marina García Pita.

Primeiro arquivo privado en doazón
O relatorio, titulado ‘Os arquivos privados: salvar o patrimonio, fomentar a investigación’, realizouse ao abeiro da exposición ‘Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’, unha mostra organizada a partir do primeiro arquivo privado que ingresou no Arquivo de Galicia, doado no ano 2010 pola familia Vilariño Pintos, de Santiago de Compostela.

Dentro dos arquivos privados, os de carácter familiar coma o de Vilariño Pintos, son o resultado da vida de relación dunha familia, das actividades desenvolvidas polos seus membros e da formación e xestión do seu patrimonio ao longo da súa existencia. “Os documentos destes arquivos privados –afirmou Anxo Lorenzo– transcenden o interese particular e constitúen un importante complemento dos documentos públicos como fonte de información para a investigación histórica”.

Programación especial arredor do Día dos Arquivos
Co obxectivo de contribuír á celebración do 9 de xuño, así como de difundir e poñer en valor o patrimonio documental galego, os arquivos da Xunta de Galicia realizaron ao longo da semana unha programación especial de actividades. Unha das iniciativas centrais desta celebración é precisamente a exposición ‘Memorias de familia: O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’, que, ata o vindeiro día 9 de setembro, amosará unha selección de documentos que se acompañan de fotografías cedidas pola citada familia para a ocasión, xunto con obxectos persoais e mais reproducións de documentos gráficos e en imaxes sobre a cidade de Santiago de Compostela, procedentes do Arquivo Histórico Universitario e do Museo do Pobo Galego.

Xornadas de portas abertas, visitas guiadas e obradoiros foron outras das actividades que se desenvolveron ao abeiro desta programación especial.

Novo marco legal
A Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Cultura, é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao sistema de arquivos de Galicia. Desde 2014 faino nun novo marco legal, a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, que mellora e define en profundidade os procedementos e funcións, e que atende, por vez primeira, os novos retos dixitais.

Ademais das tarefas habituais para asegurar a preservación do fondos documentais que custodian, os arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación levan a cabo durante todo o ano diversas actividades de difusión para achegarlle o valor do patrimonio documental á cidadanía, así como de formación. Entre o seu labor destacan, así mesmo, os traballos de restauración, que no ano 2014 ascenderon a un total de 1.378 intervencións.

Comparte