Nova: Impulso á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

15/06/2015

Impulso á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

Un equipo multidisciplinar de expertos analizarán estes días os distintos aspectos deste enclave natural coa fin de elaborar un documento que sustente a súa proposta perante a UNESCO

  • Imaxe da Ribeira Sacra e Canón do Sil Imaxe da Ribeira Sacra e Canón do Sil
  • Román Rodríguez participa na apertura do curso da Universidade Menéndez Pelayo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial Román Rodríguez participa na apertura do curso da Universidade Menéndez Pelayo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
  • Román Rodríguez participa na apertura do curso da Universidade Menéndez Pelayo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial Román Rodríguez participa na apertura do curso da Universidade Menéndez Pelayo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial
  • Román Rodríguez participa na apertura do curso da Universidade Menéndez Pelayo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial Román Rodríguez participa na apertura do curso da Universidade Menéndez Pelayo para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

Santiago, 15 de xuño de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura do curso 'A Ribeira Sacra. Protección dun paisaxe natural. Candidato a Patrimonio Mundial', organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, e que ten como principal obxectivo impulsar a inclusión deste enclave na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. O curso foi inaugurado pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; que estivo acompañada do director en Galicia da Universidade Menéndez Pelayo, Domingo Bello Janeiro; e do Valedor do Pobo, José Julio Fernández.

Deste xeito, entre hoxe luns e o vindeiro xoves un equipo multidisciplinar de expertos composto por xeógrafos, edafólogos, xuristas, historiadores e arqueólogos analizarán distintos aspectos da Ribeira Sacra, co fin de elaborar un documento técnico que sustente esta candidatura perante a UNESCO.

Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, deulles a todos eles a benvida e animounos a debater sobre todos os aspectos medioambientais, sociolóxicos, culturais, económicos ou demográficos que conforman a Ribeira Sacra. “Logo desta xornadas –dixo– poderemos estimar mellor o Valor Universal Excepcional e as condicións de autenticidade e integridade que ten a Ribeira Sacra para a súa inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO”.

Nesta liña, o conselleiro comprometeuse a prestar todo o apoio e asesoramento técnico necesario aos promotores da candidatura, e a actuar coma máxima dilixencia na súa tramitación e supervisión. Asegurou así mesmo que o seu departamento está comprometido coa incoación do expediente para declarar esta zona Ben de Interese Cultural coa consideración de territorio histórico xa que, segundo explicou, trátase dun paso previo imprescindible para avanzar cara a declaración de Patrimonio da Humanidade.

Nova Lei do patrimonio cultural de Galicia
Para Román Rodríguez a preservación e posta en valor destas paisaxes vai máis aló dunha necesidade patrimonial ou ecolóxica, e ten unha clara vertente socioeconómica xa que “unha correcta xestión dos nosos recursos naturais e patrimoniais depende, en gran parte, o desenvolvemento sostible do país.

A este respecto o conselleiro lembrou que a nova Lei do patrimonio cultural de Galicia –que está elaborando o seu departamento– vai converterse nun mecanismo esencial que mellorará a xestión e a realidade patrimonial, a eficiencia administrativa e a seguridade xurídica.

O conselleiro rematou a súa intervención expresando os seus parabéns á Universidade Internacional Menéndez Pelayo pola organización do encontro; ao Valedor do Pobo pola dirección das xornadas; e ao Parlamento de Galicia, que acolle o curso que rematará o vindeiro xoves cunha visita á zona da Ribeira Sacra.
 

Comparte