Nova: Xogar tamén é cousa seria analiza no Gaiás a potencialidade dos videoxogos
18/06/2015
Xogar tamén é cousa seria analiza no Gaiás a potencialidade dos videoxogos
Trátase dun espazo de encontro onde compartir recursos de empresas e institucións que empregan xogos dixitais para mellorar os seus proxectos e servizos
Terá lugar o 30 de xuño na Cidade da Cultura e a inscrición é de balde
Santiago, 18 de xuño de 2015.- As diversas posibilidades que ofrecen os videoxogos a prol da aprendizaxe, a comunicación ou a información centran a xornada ‘Xogar tamén é cousa seria. Experiencias na creación de videoxogos en Galicia’, que terá lugar o vindeiro 30 de xuño no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.
Promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, co apoio da Agadic e do Igape, a iniciativa preséntase como un espazo de encontro para compartir experiencias creativas de empresas e de administracións públicas que utilizan os xogos dixitais para mellorar os seus proxectos e servizos.
Coñecer a potencialidade dos videoxogos
A partir de diversos casos encamiñados a acadar diferentes obxectivos, como a produtividade empresarial, as vendas, a formación, a saúde ou a educación, a xornada busca achegarlle a industria do videoxogo en Galicia a novos sectores para dar a coñecer a súa potencialidade, así como contribuír á visibilidade deste sector creativo.
Esta iniciativa, que tamén abordará a situación actual e futuro dos videoxogos en Galicia, está dirixida especialmente a xerentes, directores, responsables de departamentos de comunicación, de recursos humanos ou de publicidade de empresas de Galicia, así como a persoal das administracións públicas, responsables de centros de formación, grupos de investigación ou novos emprendedores de solución tecnolóxicas interesados en coñecer e afondar na potencialidade da tecnoloxía dos videoxogos.
Experiencias creativas en diversos ámbitos
Para realizar unha aproximacións as vertentes tecnolóxico-creativas dos xogos dixitais e aos resultados da súa aplicación na creación de materiais, na xornada presentaranse recursos destinados ao campo sanitario, con programas para exercitar a cognición social e informar sobre hábitos sexuais saudables; ao educativo, con ferramentas vinculadas coa reciclaxe e o cambio climático; ou ao empresarial. Ademais, tamén haberá unha mesa redonda onde profesionais de Ficción Producciones, de Iberian Games, de A Meiga e de imaxin|software ofrecerán a súa visión desde o punto de vista dos desenvolvedores.
O programa da xornada, coordinada por imaxin|software, está accesible na páxina web da Secretaría Xeral de Cultura, en www.cultura.gal, e a inscrición é gratuíta, a través do enderezo electrónico videoxogos@imaxin.com