Nova: Esgotadas as entradas para o concerto homenaxe de Carlos Núñez a Alan Lomax na Cidade da Cultura

18/06/2015

Esgotadas as entradas para o concerto homenaxe de Carlos Núñez a Alan Lomax na Cidade da Cultura

O músico galego, na véspera do Día da Música, renderá un tributo especial a un dos máis grandes folcloristas do século XX, cun concerto similar ao que ofreceu este ano na Library of Congress dos Estados Unidos

Alan Lomax recorreu Galicia nos anos cincuenta rexistrando melodías tradicionais, algunhas destas gravacións serviron de inspiración a xenios da música como Miles Davis

O concerto, patrocinado por Red Eléctrica de España, terá lugar o sábado 20 ás 21 h. no Museo Centro Gaiás

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2015.- Xa esgotadas as entradas para o concerto ‘Carlos Núñez. Tributo a Alan Lomax’ que se celebrará o sábado ás 21 no Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura de Galicia) co motivo do Día da Música e que conta co patrocinio de Red Eléctrica de España.

No seu primeiro concerto que ofrece no Gaiás, Carlos Núñez quere homenaxear a un dos máis importantes folcloristas do século XX: Alan Lomax, ao cumprirse os cen anos do seu nacemento.

Alan Lomax (Texas, 1915-2002) foi o primeiroen gravar a Muddy Waters e as súas gravacións de campo foron versionadas por Aaron Copland, Led Zeppelin, ou Johnny Cash. Nos anos cincuenta visitou Galicia despois de fuxir a Europa escapando da ‘caza de bruxas’ nos Estados Unidos.

Un dos grande xenios do jazz Miles Davis compuxo ‘Then Pan Piper’ do seu disco ‘Sketches of Spain’ inspirándose nunha melodía rexistrada por Alan Lomax na súa visita a Galicia. Tratábase da ‘Alborada de Vigo’ grabado por Lomax a un afiador ourensano en Faramontaos, unha aldea de A Merca (Ourense). Para Carlos Núñez, Lomax fixo coa música tradicional galega o mesmo que Hemingway coa divulgación do flamenco.

Actividades de ‘Camiño. A Orixe’
O concerto, que contará coa colaboración de novos valores da música galega, moitos dos que actualmente están tocando en diferentes países de Europa, enmárcase dentro do programa de actividades da exposición ‘Camiño. A Orixe’, aberta no Museo Centro ata o 13 de setembro. Alan Lomax defendía o Camiño de Santiago como unha vía de multiculturalidade que reflectía a diversidade da música en Europa.

Como Carlos Núñez, cría tamén na conexión celta da música galega e na importancia que para ésta tivo o Camiño de Santiago. O seu cicerone nos seus recorridos por Galicia foi o este ano homenaxeado no Día das Letras Galegas Filgueira Valverde e algúns dos informantes que Lomax gravou e que aínda viven actuarán no concerto.

Protocolo de mantemento
A Fundación Cidade da Cultura prega desculpas ás persoas que se acheguen o sábado ao concerto, así como aos visitantes, polas molestias derivadas de diferentes actuacións enmarcadas no protocolo de mantemento dos edificios do complexo que se están a levar a cabo durante estes días.

Aproveitando as condicións meteorolóxicas favorables das épocas estivais, e do mesmo xeito que en anos anteriores, lévanse a cabo este tipo de tarefas con fin de revisar a situación de edificios que pola singularidade das súas solucións constructivas precisan deste tipo de atencións.

Comparte