Nova: Liña extraordinaria de subvencións a empresas culturais galegas para asistir a MICA e Womex
19/06/2015
Liña extraordinaria de subvencións a empresas culturais galegas para asistir a MICA e Womex
O Mercado de Industrias Culturais Arxentinas celebrarase en Bos Aires do 2 ao 7 de setembro e a World Music Expo terá lugar en Budapest do 21 ao 25 de outubro
As dúas citas identifícanse como obxectivos prioritarios para a internacionalización dos produtos e servizos culturais feitos en Galicia
Santiago, 19 de xuño de 2015.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha convocatoria de subvencións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para contribuír á cobertura dos gastos de asistencia dos representantes das empresas culturais galegas ás próximas edicións do MICA (Mercado de Industrias Culturais Arxentinas) e do Womex (World Music Expo).
A través desta liña extraordinaria de axudas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incide na distribución e comercialización dos produtos culturais galegos no ámbito internacional, coa finalidade de aumentar a súa presenza e competitividade en mercados relevantes realizados fóra de España e reforzando o apoio á exportación de bens e servizos culturais galegos.
Neste sentido, favorécese a participación nestes dous encontros específicos, considerados estratéxicos para o fomento da internacionalización das empresas culturais galegas. Esta iniciativa forma parte da política para a proxección exterior do sector, na que se sitúan tamén as misións comerciais que se están a levar a cabo nos principais mercados audiovisuais europeos ou a presenza das nosas industrias culturais en feiras, festivais ou certames fóra de Galicia a través das subvencións á distribución.
Bos Aires e Budapest
O vindeiro MICA, que se celebrará en Bos Aires do 3 ao 6 de setembro, reunirá na capital arxentina axentes e compañías de toda América do Sur arredor da exhibición e a transacción centrada en seis eidos de produción cultural: artes escénicas, audiovisual, deseño-artesanía, editorial, música e videoxogos. Coa participación galega neste mercado darase continuidade, ademais, á relación comercial e artística mantida xa nos últimos anos en extensións deste encontro promovido polo Goberno arxentino, como foron as pasadas edicións de MICSUR, desenvolvido en Mar del Plata en maio de 2014, ou de MicAtlántica, levado a cabo en Santiago en novembro de 2013.
No caso de Womex, o maior mercado internacional de música tradicional e de raíz que terá lugar en Budapest do 21 ao 25 de outubro, a presenza dunha delegación de empresas musicais galegas permitirá o seguimento dos contactos de negocio iniciados na última edición deste evento de sede itinerante, que foi acollido en 2014 pola Cidade da Cultura de Galicia e outros espazos culturais de Compostela.
Crédito de 30.000 euros
A Agadic destina un crédito de 30.000 euros a estas subvencións, ás que poden presentarse os interesados e interesadas no prazo dun mes, a partir de mañá 20 de xuño e ata o 20 de xullo.
Os beneficiarios poderán ser persoas físicas e xurídicas de carácter privado, dedicadas profesionalmente á produción ou distribución de bens ou servizos culturais, con ánimo de lucro, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo e con establecemento operativo en Galicia. Estas empresas ou artistas deberán asistir como profesionais invitados ao MICA ou formalizar a súa inscrición como profesionais no Womex.
As bases da convocatoria, dispoñible nos enderezos web http://sede.xunta.es/guia-de-procedementos e www.agadic.info/axudas, fixa as contías máximas que se poderán asumir dos gastos derivados de mantenza, aloxamento e pasaxes de avión para cada un dos dous destinos, así como a documentación requirida e as instrucións para a presentación de solicitudes.