Nova: A nova edición do Festival Hércules Brass ofrece en Celanova unha ampla programación de concertos e de música na rúa
22/06/2015
A nova edición do Festival Hércules Brass ofrece en Celanova unha ampla programación de concertos e de música na rúa
Do 4 ao 8 de agosto, o evento contará con algúns dos intérpretes de vento-metal máis destacados de Galicia, xunto con profesionais de orquestras sinfónicas e agrupacións internacionais
Ourense, 22 de xuño de 2015.- O concello de Celanova acollerá entre do 4 ao 8 do vindeiro mes de agosto a segunda edición do Festival Hércules Brass, “unha iniciativa que xa comeza a definir o seu espazo como escaparate artístico dos intérpretes de vento-metal e tamén como oportunidade de formación musical”.
Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Pazo Provincial da Deputación de Ourense durante a rolda de prensa de presentación do cartel deste ano, que, durante cinco días, contará con “algúns dos profesionais de trombón, da trompa, da tuba ou da trompeta máis destacados de Galicia, pero tamén procedentes de orquestras sinfónicas e agrupacións de diferentes lugares de España e internacionais”.
Un festa da música singular
Ademais das clases maxistrais e de música de cámara, o festival –promovido pola Fundación Curros Enríquez, a Deputación de Ourense e o Concello de Celanova coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria– concentra unha ampla programación de concertos e de música na rúa que, segundo valorou Anxo Lorenzo, “van converter Celanova nunha festa da música moi singular, que ha ser punto de atracción para xente de toda Galicia”.
Tamén se referiu ao evento como unha oportunidade para fraguar novas colaboracións entre músicos de diversas procedencias así como un punto de partida para algúns novos proxectos. Nese sentido, confiou en que o apoio da Xunta de Galicia a iniciativas coma esta sexa “unha forma de promover o intercambio artístico, a posibilidade de nacemento de iniciativas musicais novas, de alentar os nosos músicos para continuar medrando artisticamente e achegarlle ao público xeral a boa música da man dos grandes profesionais dos metais”.
Recoñecidos artistas galegos e internacionais
O 5 de agosto, o concerto inaugural correrá a cargo de Hércules Brass Quinteto de Metais, cuxos integrantes participaron hoxe na rolda de prensa de presentación do evento, xunto co alcalde de Celanova, José Luis Ferro Iglesias; e o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández.
Xunto coa formación de metais galega, o cartel tamén contará cos portuguesesTrompas Lusas, con Odaiko Percussion Group, cos belgas Eburon Brass Quintet, con Renegados, con Marina & Fran e con Marisol Mendive, acompañada dalgúns dos profesores que impartirán as clases maxistrais de trompeta, trompa, trombón e tuba. Entre eles inclúense John Aigi Hurn, Jon Etterbeek e Jesper Nielsen, da Orquestra Sinfónica de Galicia; Alejandro Vázquez, Víctor Vilariño, Javier González, Esteban Méndez e Rodrigo Rodríguez, de Hércules Brass; Miguel Franqueiro, da Orquestra de Cámara de Hulencourt (Bélxica); o solista internacional Pierre Badel e J. Bernardo Silva, da Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música (Portugal).
Formación e difusión da música nos concellos
“Desde a Consellería de Cultura e Educación, tanto desde Agadic como desde a Secretaría Xeral de Cultura –afirmou Anxo Lorenzo– vimos colaborando cun conxunto de iniciativas que consideramos unha oportunidade para completar a formación dos músicos galegos e para a propia difusión da música nos concellos de Galicia”.
Xunto co Festival Hércules Brass, a Consellería de Cultura e Educación vén apoiando diversas programacións locais de música clásica, entre as que se inclúen o Festival Via Stellae e o Ciclo de Lied de Santiago de Compostela, o Festival Peregrinos Musicais e o Festival Groba, entre outros.