Nova: O Museo das Peregrinacións e de Santiago obtén o certificado de excelencia de Tripadvisor

23/06/2015

O Museo das Peregrinacións e de Santiago obtén o certificado de excelencia de Tripadvisor

As numerosas opinións favorables expresadas polos usuarios permitiron que o centro dependente da Consellería de Cultura e Educación recibise este recoñecemento

  • Sede actual dos Museos das Peregrinacións e Santiago

Santiago, 23 de xuño de 2015.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de gañar o “Certificado de excelencia 2015” de TripAdvisor. O recoñecemento foille outorgado a este centro polas numerosas opinións excelentes dos viaxeiros que o teñen visitado e son usuarios deste portal americano.

Este prestixioso certificado recoñece o papel dos establecementos que obtiveron con regularidade boas opinións dos viaxeiros, polo que, como no caso do Museo das Peregrinacións e de Santiago, supón un valor engadido que avala a calidade da súa oferta cultural.

A devandita web proporciona consellos de viaxeiros e unha ampla variedade de opcións de viaxes e a súa planificación. Os sitios coa marca TripAdvisor conforman a comunidade de viaxes máis grande do mundo, que alcanza a cifra de 340 millóns de visitantes únicos ao mes, ademais de contar con máis de 225 millóns de opinións e comentarios.

O museo
Creado en 1951, o Museo das Peregrinacións e de Santiago ten encomendada a protección, conservación, documentación, investigación e difusión de bens materiais e inmateriais relacionados coa peregrinación como fenómeno universal, o nacemento e a evolución de Compostela en canto meta de peregrinación e a peregrinación xacobea en todas as súas dimensións.

Así pois, o museo dedica a súa exposición permanente aos diferentes aspectos relacionados con Santiago e coa peregrinación desde as ópticas máis heteroxéneas. As súas salas acollen pezas das máis variadas tipoloxías e épocas relacionadas con esta temática, así como material procedente das escavacións arqueolóxicas feitas na zona do Concello de Santiago.

Mediante as súas exposicións temporais este centro museístico propicia un achegamento ao fenómeno da peregrinación noutras culturas e noutros lugares do mundo.

Comparte