Nova: O CGAI pecha a tempada 2014-15 tras a proxección de máis de 300 títulos en 185 días de programación
25/06/2015
O CGAI pecha a tempada 2014-15 tras a proxección de máis de 300 títulos en 185 días de programación
O Centro Galego de Artes da Imaxe entra na recta final deste período coa exhibición de ‘Policía en Israel’, galardoada no festival de Locarno e no Bacifi, e ‘A profesora de parvulario’
A conmemoración dos 25 anos da estrea das primeiras longametraxes galegas, así como as visitas de Mike Hoolboom, James Benning e Ken Jacobs marcan algúns dos fitos desta carteleira
A sala coruñesa da Filmoteca de Galicia retomará a súa actividade en setembro coas súas seccións habituais e novos ciclos temáticos
A Coruña, 24 de xuño de 2015.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) programa na súa sala da Coruña dúas xornadas dedicadas ao director israelí Nadav Lapid, coas que entra na recta final da súa temporada 2014-15. Durante este período, acolleu a proxección de máis de 300 títulos nun total de 308 sesións cinematográficas, desenvolvidas á súa vez en 185 días de programación desde mediados de setembro.
O centro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria seleccionou para o especial sobre Lapid (Tel Aviv, 1975) as dúas longametraxes que situaron este novo creador como un dos máis brillantes da súa xeración. Así, hoxe xoves poderá verse a premiada ‘Policía en Israel’ (2011), merecedora do premio especial do xurado no Festival de Locarno e dos galardóns á mellor película e á mellor dirección no Bafici de Bos Aires.
Tras esta fita, na que o realizador israelí ofrece unha lección de cinema político e do manexo da ironía e a violencia, o CGAI exhibirá o venres 26 ‘A profesora de parvulario’, unha historia de suspense arredor dunha mestra que protexe un dos seus alumnos, no que detecta un prodixioso don para a poesía. Ambas as películas proxectaranse en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas.
Off Galicia e Miklos Jancsó
Xa como derradeiras citas da carteleira, a filmoteca galega acollerá este sábado 27 unha nova entrega da sección Off Galicia, centrada desta volta na presentación das curtametraxes realizadas polos alumnos da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, mentres que o martes 30 terá lugar a última proxección do ciclo que o CGAI vén dedicándolle desde primeiros de mes ao director húngaro Miklos Jancsó. A longametraxe ‘La confrontación’, arredor do asalto a un centro relixioso e a posterior pugna entre estudantes marxistas e seminaristas, clausura este especial, ao tempo que pon punto e final á temporada 2014-15 na Filmoteca de Galicia.
Durante este período, o CGAI avanzou na difusión entre o público galego de destacados títulos do cinema independente e experimental internacional, a través de ciclos como Fóra de Serie ou Desencadres, así como de novos proxectos e traballos de realizadores galegos nos sábados de Off Galicia. Esta temporada tivo un especial protagonismo, ademais, a conmemoración do vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes galegas (‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’) a través dun ciclo que recuperou para o público algúns dos traballos máis emblemáticos destes últimos 25 anos do audiovisual galego.
Encontros con cineastas
Así mesmo, o CGAI ofreceulles aos espectadores a posibilidade de participar en diferentes encontros con cineastas emerxentes e consagrados do panorama internacional e estatal. Neste sentido, contouse coa presenza na Coruña de grandes figuras da vangarda mundial, como Mike Hoolboom, James Benning e Ken Jacobs, ademais de coas presentacións de Paulino Vitoa e Adolpho Arrieta.
A sala coruñesa retomará a súa actividade en setembro coas seccións habituais e con novos ciclos, como os que durante a temporada que agora remata achegáronlles aos espectadores moi diferentes temáticas e realizadores. Así por exemplo, as restauracións de filmes de Buster Keaton e Satyajit Ray, as retrospectivas de Marlen Khutsiyev, Heinz Emigholz, Gregory J. Markopoulos e Claire Simon; as relacións do cinema coa actualidade xornalística e coa pintura, o centenario de Orson Welles e a I Guerra Mundial foron obxecto de cadansúa sección específica na programación que o CGAI desenvolveu desde o pasado mes de setembro.
En canto á formación e difusión audiovisual entre os espectadores máis novos, ademais da nova entrega do ciclo CGAI Júnior, o Centro Galego de Artes da Imaxe volveuse encargar da coordinación en Galicia dos programas pedagóxicos internacionais Cine en Curso e Fotografía en Curso.