Nova: Estudo para valorar posibles actuacións de limpeza na ponte Ledesma

24/06/2015

Estudo para valorar posibles actuacións de limpeza na ponte Ledesma

Inversión de máis de 53.000 euros para a rehabilitación da ponte do Demo, entre Silleda e Vila de Cruces

  • Ponte Ledesma Ponte Ledesma

Vila de Cruces (Pontevedra), 24 de xuño de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento vai encargar un estudo para valorar a posibilidade de executar actuacións de limpeza na ponte Ledesma, entre o concello pontevedrés de Vila de Cruces e o coruñés de Boqueixón. Este compromiso únese ao xa formalizado pola Consellería para a rehabilitación da ponte do Demo, que une os concellos pontevedreses de Vila de Cruces e Silleda, intervención na que se investirán máis de 53.000 euros.

Retirada de vexetación
Segundo explicou Román Rodríguez -que estivo acompañado polos alcaldes de Vila de Cruces e Boqueixón, Jesús Otero e Ovidio Rodeiro respectivamente-, os servizos técnicos da Consellería realizaron unha visita á ponte e comprobaron que o aspecto que máis lle afecta é a presenza de vexetación. Á vista desta situación, está previsto solicitar presupostos para valorar o custo dos traballos de limpeza e, en función das posibilidades orzamentarias, contratar estes traballos.

Cómpre lembrar que esta ponte foi restaurada entre os anos 2003 e 2004 pola Xunta de Galicia, a través dunha intervención promovida pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural na que se investiron preto de 120.000 euros, que correron a cargo da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Ponte do Demo
No caso da ponte do Demo, o investimento de máis de 53.000 euros irá dirixido reparar os danos ocasionados polo derrubo dunha parte dun muro do estribo por mor da acción do río. Para iso, reconstruirase o paramento exterior do muro e dun tramo do tímpano do estribo con cantería de grao; e impermeabilizarase a meseta de remate para evitar filtracións da auga.

Neste momento, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia ten en marcha a salvagarda e conservación de 5 pontes históricas: a ponte de Couso (Avión), a ponte Éntoma e o seu contorno (Barco de Valdeorras), a ponte da Portela (Vilamartín de Valdeorras), a ponte de Fillaboa (Salvaterra de Miño), e a devandita ponte do Demo. En total, o investimento ascenderá a máis de 344.000 euros.

Visita ás fundacións
Ademais de comprobar o estado da Ponte Ledesma, o conselleiro tamén aproveitou para visitar a Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño, fundada polo polifacético artista cruceño que agora lle dá nome, e mais a Fundación Neira Vilas, creada para conservar a obra do ilustre autor de Gres. De feito, Román Rodríguez estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo propio Xosé Neira Vilas.
 

Comparte