Nova: A Fundación Camilo José Cela amplía ata setembro a exposición O Pazo dos dicires escritos

27/06/2015

A Fundación Camilo José Cela amplía ata setembro a exposición O Pazo dos dicires escritos

A mostra fai un percorrido polo universo do libro e a súa evolución

A entidade padronesa tamén alonga o seu horario de apertura polas tardes ata as 20,00 horas durante os meses de xullo e agosto

Iria Flavia (Padrón), 27 de xuño 2015.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela -que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- amplía ata setembro a exposición “O Pazo dos dicires escritos”, unha mostra na que se da conta da historia do libro. Así mesmo, a Fundación alonga o seu horario de verán ata as 20,00 horas nos meses de xullo e agosto, co fin de incentivar as visitas tanto á colección permanente coma a exposición temporal.

Aberta ao público desde maio, “O Pazo dos dicires escritos” ofrece un interesante percorrido polo universo do libro e a súa evolución ao longo da historia a través das múltiples xoias bibliográficas que se conservan no legado do premio Nobel padronés e que amosan a enorme paixón que sentía Cela pola palabra escrita.

Na mostra pódese ver como evoluciona a edición dos libros dende as súas orixes: do manuscrito á edición, pasando pola imprenta e ás múltiples formas, formatos e encadernacións. Pezas únicas coma edicións redondas, con cubertas e formatos extraordinarios ou que empregan papeis artesanais ou especiais vense recollidos nesta exposición na que, ese pazo dos dicires escritos, que non é outro que o libro, acaba por converterse nunha auténtica obra de arte.

Os materiais asturianos do Diccionario Geográfico popular de España
Doutra banda, ao igual que se fixera co Instituto da Lingua Galega (ILG) no ano 2008, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela asinou un convenio coa Universidade de Oviedo, en concreto co Seminariu de Filoloxía Asturiana, para a dixitalización, tratamento e posta a disposición na Internet das fichas asturianas recopiladas por Camilo José Cela nos anos 70 coa inestimable colaboración dos carteiros da época.

Baixo a coordinación dos filólogos da Universidade de Oviedo, Luis Casteleiro Oliveros e Ramón de 'Andrés Díaz, nesta nova fase póñense en rede 540 fichas das máis de 30.000 que conforman o proxecto inacabado do escritor padronés e que grazas á colaboración entre institucións van saíndo pouco a pouco á luz.

Na web http://www.unioviedo.es/dgpeasturies/ pódense atopar dende xentilicios, nomes, cantares e refraneiros populares referidos aos topónimos e habitantes dos distintos pobos de Asturias podendo facerse a busca por tipo de expresión (xentilicio, nome, cantares ou refráns), por concepto ou por lugar.

Para consultar as fichas correspondentes a Galicia pódese consultar o Portal de Ditados Tópicos Galegos do ILG http://ilg.usc.es/ditados/ presentado no ano 2011.

Comparte