Nova: Cultura e Educación pecha hoxe a temporada 2013-14 do CGAI, durante a que se proxectaron un total de 366 títulos en 298 sesións cinematográficas

30/06/2014

Cultura e Educación pecha hoxe a temporada 2013-14 do CGAI, durante a que se proxectaron un total de 366 títulos en 298 sesións cinematográficas

‘La última película’, de Mark Peranson e Raya Martín, é a derradeira cita dunha extensa carteleira que estreou en Galicia destacados títulos do cinema independente internacional e presentou unha trintena de novos traballos galegos

Entre as novidades deste período destaca a incorporación do CGAI á rede estatal Circuíto de Cine Independente, así como a organización en Ourense da primeira extensión da súa programación fóra da Coruña

A sala coruñesa do Centro Galego de Artes da Imaxe retomará a súa actividade en setembro coas súas seccións habituais e novos ciclos temáticos
 

  • ‘La última película’ ‘La última película’

A Coruña, 30 de xuño de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria proxecta hoxe ás 20.30 horas na Coruña ‘La última película’, coprodución internacional coa que chega ao seu fin a temporada 2013-14 do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), durante a que se proxectaron un total de 366 títulos nas 298 sesións cinematográficas programadas. Dirixida por Mark Peranson e Raya Martín, esta derradeira cita da carteleira é un falso documental sobre un cineasta estadounidense e un guía local mexicano, que buscan localizacións para rodar un western mentres que se aproxima a fin do mundo sinalada no calendario maia.

Durante o período que hoxe conclúe, o CGAI avanzou na difusión entre o público galego de destacados títulos do cinema independente e experimental internacional, a través de ciclos como Fóra de Serie ou Desencadres, así como dunha trintena de novos proxectos e traballos de realizadores galegos nos sábados de Off Galicia.

Difusión do audiovisual galego
Esta última sección deu voz, entre outros, a Alexandre Argibai, Seném Outeiro, Segundo Grandío, Alba Vázquez, Marcos Florez, Samuel M. Delgado e José Luis Maire, Iván Castiñeiras, Alberte Pagán, Simone Saibene, David Valero, Rubén Domínguez, Laura de Juan, David Vázquez, Iago González, Juan Antonio Jiménez, Roi Carballido, Nico Campos, Alfonso Zarauza, Miguel Romero, Ramiro Ledo, José Antonio Cascudo, Óscar Losada e Xisela Franco, que presentaron aquí os seus últimos traballos. Describiuse, deste xeito, unha ampla panorámica do audiovisual galego que se completou coas sesións dedicadas aos premios Mestre Mateo e aos novos traballos de Alberto Gracia e Lois Patiño, estes últimos no marco de Desencadres.

Así mesmo, o CGAI ofreceu aos espectadores a posibilidade de participar en diferentes coloquios con cineastas emerxentes e consagrados do panorama español e internacional. Neste sentido, contouse coa presenza na Coruña de Gonzalo García-Pelayo, Jonás Trueba, Albert Serra, Luis López Carrasco, Víctor Moreno ou Jorge Tur, así como da cineasta experimental sueca Gunvor Nelson, o estadounidense JP Sniadecki e mailo mexicano Nicolás Pereda, ademais de co norteamericano Larry Gottheim vía Skype.

Novidades
Entre as novidades desta temporada 2013-14 destaca a incorporación da Filmoteca galega ao Circuíto de Cine Independente, unha nova rede de salas de exhibición en centros culturais públicos para atender a proxección de películas de calidade procedentes do circuíto internacional de festivais, pero sen distribuidora en España. Xunto co CGAI forman parte de esta iniciativa os centros Tabakalera (San Sebastián), MUSAC (León), Centro Cultural Niemeyer (Avilés), Cineteca (Madrid) e Filmoteca de Culturarts-IVAC (Valencia).

Tamén neste mesmo período deu comezo en Ourense a primeira extensión da programación do Centro Galego das Artes da Imaxe fóra da súa sede da Coruña, durante a que se proxectou un total de 13 fitas grazas á colaboración asinada entre a Consellería de Cultura e Educación e a Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo.

Ciclos temáticos
A sala coruñesa retomará a súa actividade a mediados de setembro coas súas seccións habituais e novos ciclos, como os que durante a temporada que hoxe remata achegaron aos espectadores moi diferentes temáticas e realizadores. Así por exemplo, os cinemas polaco e portugués, os cineastas Andrei Konchalovsky, Roberto Rossellinni, Jerry lewis, Dan Sallit ou Larry Gottheim; a influencia do escritor Wenceslao Fernández Flórez nos realizadores españois dos anos cincuenta, as novas formas de protesta ou a relación do cine coa literatura e coa psiquiatría foron obxecto de cadansúa sección específica na programación que o CGAI desenvolveu desde o pasado mes de setembro.

En canto á formación e difusión audiovisual entre os espectadores máis novos, ademais da nova entrega do ciclo CGAI Júnior, o Centro Galego de Artes da Imaxe volveuse encargar da coordinación en Galicia dos programas pedagóxicos internacionais Cine en Curso e Fotografía en Curso.

Comparte