Nova: Resurrection Fest de Viveiro celebra o seu décimo aniversario con Motörhead, Korn e Refused como cabezas de cartel

30/06/2015

Resurrection Fest de Viveiro celebra o seu décimo aniversario con Motörhead, Korn e Refused como cabezas de cartel

O evento lucense consolídase como unha das principais citas europeas e a máis importante de España no ámbito do hardcore, punk e metal, congregando cada ano unhas 55.000 persoas de máis de 30 países
 

O encontro é un dos 12 festivais subvencionados este ano por Cultura  a través da convocatoria de axudas da Agadic
 

Santiago acolleu a presentación oficial desta nova edición, na que participarán 80 bandas e que ofrecerá os únicos concertos en España de destacados grupos internacionais
 

  • Cartel de Resurrectión Fest 2015 Cartel de Resurrectión Fest 2015
  • Imaxe da edición do pasado ano de Resurrection Fest Imaxe da edición do pasado ano de Resurrection Fest

Santiago, 30 de xuño de 2015.- O Resurrection Fest presentou en Santiago o programa completo da súa décima edición, que se desenvolverá en Viveiro do 15 ao 18 de xullo coa participación dunhas 80 bandas, entre as que se atopan grandes nomes internacionais do hardcore, punk e metal como Motörhead, Korn e Refused. O festival será, ademais, a única oportunidade de ver este ano en España os tres cabezas de cartel e outros coñecidos grupos internacionais como In Flames ou Black Label Society.

Esta exclusividade na programación, así como a súa especialización musical, teñen consolidado o evento lucense como unha das principais citas europeas e a máis importante de España no seu xénero. Así se puxo de manifesto esta mañá na presentación oficial que tivo lugar na Cidade da Cultura e na que interviñeron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Santiago Miguélez, brand manager de Estrella Galicia; e Iván Méndez e David Méndez, director e subdirector do Resurrection Fest, respectivamente.

Apoio da Xunta
Na súa intervención, o director da Agadic subliñou que o encontro é un dos 12 festivais profesionais de música que contan co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da convocatoria de subvencións 2015 da Agadic, que precisamente onte fixo pública a relación de beneficiarios e contías outorgadas. De acordo con esta resolución, o Resurrection percibirá un total de 41.936,57 euros, situándose –xunto co PortAmértica– como o festival que contará coa maior dotación.

Jacobo Sutil incidiu, así mesmo, na repercusión deste tipo de eventos musicais, que vai máis alá da súa faceta lúdica para funcionar como motores da industria musical galega, así como da dinamización turística e económica dos lugares que os acollen. Este é o caso de Viveiro que, segundo as cifras que manexa a organización do Resurrection, recibirá do 15 ao 18 de xullo unhas 55.000 persoas chegadas de máis de 30 países, cun impacto económico en toda a comarca da Mariña estimado en 4,5 millóns de euros. O desenvolvemento do evento xera, así mesmo, 300 empregos directos e arredor de 500 indirectos.

Os tres escenarios desta décima edición, que se abrirá o día 15 cunha festa de presentación de entrada gratuíta, acollerán tamén outras importantes bandas internacionais como Fear Factory, Backyard Babies, Satanic Surfers, Behemoth, Children Of Bodom, Heaven Shall Burn, Soulfly, Comeback Kid, Danko Jones, Biohazard ou Cannibal Corpse, ademais dos navarros Berri Txarrak e dos madrileños Toundra. Haberá lugar tamén para a escena local, que estará representada polos tres grupos gañadores do Band Contest, ao que se presentaron 300 candidatos.

Ademais, entre as novidades deste ano, a organización pon a disposición dos nenos e as nenas o espazo Resukids, onde os máis pequenos poderán gozar da experiencia do festival a través do xogo e a diversión mentres os maiores se achegan aos concertos.

Os billetes e abonos para este X Resurrection Fest, que ten xa máis do 80 por cento das súa entradas vendidas en 33 países diferentes, poden adquirirse en liña a través do web http://www.resurrectionfest.es/entradas/.
 

Comparte