Nova: Entrada conxunta no Gaiás e no Museo da Catedral de Santiago

01/07/2015

Entrada conxunta no Gaiás e no Museo da Catedral de Santiago

Unhas 50.000 persoas adquirirán ata o 13 de setembro esta entrada conxunta para descubrir algúns dos tesouros da arte xacobea e relacionada co Camiño

Santiago, 1 de xullo de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de promover un convenio de colaboración entre a Fundación Catedral de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia para poñer en marcha unha entrada conxunta que lle permitirá aos visitantes descubrir os tesouros do Museo da Catedral e, ao mesmo tempo, a mostra ‘Camiño. A orixe’, en exposición no Museo Centro Gaiás ata o 13 de setembro.

Deste xeito, o visitante que se achegue a Santiago e adquira calquera das entradas das que dispón o Museo da Catedral (colección permanente, cubertas, excavacións e Tribuna) poderá acceder polo mesmo prezo á mostra que descubre as orixes do Camiño de Santiago na Cidade da Cultura. Ata o 13 de setembro, data de clausura da mostra do Gaiás, calcúlase que ao redor de 50.000 persoas achegaranse ao Museo da Catedral de Santiago para adquirir esta entrada dobre.

Esta entrada conxunta enmárcase na estratexia de colaboración entre a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago para divulgar os tesouros da arte xacobea e ligados ao Camiño de Santiago, presentes tanto na colección permanente do templo compostelán como na mostra da Cidade da Cultura.

De feito, algunhas das pezas máis importantes da Catedral poden verse estes meses no Museo Centro Gaiás no marco da exposición ‘Camiño. A orixe’, mostra que nos convida a descubrir o fenómeno xacobeo desde o minuto un.

Entre os obxectos máis destacables figura o coñecido como ‘Gallardete de Lepanto’, estandarte de 17 metros que ondeaba na nave capitá dirixida por don Juan de Austria na famosa batalla de Lepanto e enviada á Catedral como ofrenda ao Apóstolo, que se exhibe por primeira vez na súa totalidade grazas ao espazo expositivo do que dispón o Museo Centro Gaiás. Froito desta alianza destaca tamén a exhibición na Cidade da Cultura do ‘Retablo con escenas da vida do Apóstolo Santiago’, unha ofrenda realizada por John Goodyear en 1456; ou o relicario do bordón de Santiago, atopado no interior do sepulcro apostólico e trasladado á Catedral.
 

Comparte