Nova: As Feiras do Libro de Galicia chegan a Vigo coa participación de medio cento de escritores e profesionais do sector

03/07/2015

As Feiras do Libro de Galicia chegan a Vigo coa participación de medio cento de escritores e profesionais do sector

As novidades editoriais comparten escenario con diversas actividades para lles achegar a todos os públicos o libro e a lectura

  • Cartel das Feiras do Libro de Galicia 2015 Cartel das Feiras do Libro de Galicia 2015
  • A Feira do Libro de Vigo abriu as portas da súa edición de 2015 A Feira do Libro de Vigo abriu as portas da súa edición de 2015
  • A Feira do Libro de Vigo abriu as portas da súa edición de 2015 A Feira do Libro de Vigo abriu hoxe as portas da súa edición de 2015
  • A Feira do Libro de Vigo abriu as portas da súa edición de 2015 A Feira do Libro de Vigo abriu as portas da súa edición de 2015

Vigo, 3 de xullo de 2015.- A Feira do Libro de Vigo abriu as portas da súa edición de 2015, na que, ata o vindeiro 12 de xullo, contará coa participación de máis de 50 escritores e e escritoras xunto con outros profesionais do mundo do libro a través de sinaturas e presentacións de libros, coloquios e recitais poéticos.

A primeira xornada da feira, promovida pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, comezou co acto de inauguración a cargo do libreiro Xurxo Patiño e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou as feiras como auténticos espazos de dinamización cultural a prol do fomento do libro e da lectura, a través das novidades que ofrecen os stands das librarías, así como da completa programación que se vén desenvolvendo arredor destes eventos.

A escritora viguesa Ledicia Costas foi a encargada de pechar o acto de apertura da feira coa lectura do pregón.

Propostas para a primeira xornada
Ata o vindeiro 12 de xullo, a rúa Progreso da cidade de Vigo será o escenario desta nova cita co libro e a lectura, que, no día de hoxe, contará coa participación de Elena de Frutos e Puri Pérez Leirós, ás 18 horas, para asinar exemplares da obra ‘Bouzas. Olladas salgadas’ (Edicións do Cumio). Co mesmo obxectivo estará na feira, ás 19 horas, Luis Anguita, coa súa obra ‘Esta noche volveré a buscarte’ (Ediciones Carena) e, ás 20 horas, Elena Gallego Abad presentará ‘Dragal IV. A estirpe do Dragón’ (Xerais). Para pechar a primeira sesión, que tamén ofrecerá ás 18,30 horas unha actividade infantil, María Reimóndez presentará ‘A música dos seres vivos’ (Edicións Xerais), nun acto que contará coa intervención musical de Mercedes Peón.

Iolanda Zúñiga, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vítor Vaqueiro, Rexina Vega, Agustín Fernández Paz e Marcos Calveiro son outros dos escritores e escritoras que participarán na feira para presentar as súas obras e manter encontros cos lectores e lectoras.

Actividades especiais para os máis novos
Xunto coas presentacións e sinaturas de libros, a feira contará cunha programación especial dedicada aos máis novos, con diversos obradoiros, contacontos e espectáculos de maxia. A poesía tamén será protagonista da programación, cos recitais poéticos a cargo do grupo Brétema e de Rosa María González, e cunha homenaxe poética á escritora María do Carme Kruckemberg, recentemente falecida.

Ademais, como vén sendo habitual, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel conta cun stand propio na feira para dar a coñecer a súa colección, ademais de organizar actividades de dinamización da lectura.

Próximas feiras
As Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas ata o mes de agosto. Logo do seu paso por Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo, as feiras chegarán tamén no mes de xullo a Ribeira, do 16 ao 19, e a Rianxo, do 23 ao 26. En agosto regresará a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

O calendario das Feiras do Libro de Galicia está accesible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.

Comparte