Nova: O poeta Manuel María, Letras Galegas 2016
04/07/2015
O poeta Manuel María, Letras Galegas 2016
Cultura celebra a decisión da RAG e prepara xa a ampla programación para difundir a figura e obra do escritor chairego
Santiago, 4 de xullo de 2015.- A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2016 a Manuel María Fernández Teixeiro, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle van render ao poeta chairego o vindeiro ano.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar o labor deste sobranceiro poeta lucense en prol da nosa lingua e cultura propias dentro do mundo editorial, concretamente a través da colección Xistral.
Nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, a voz poética de Manuel María xorde moi cedo. Con tan só dezanove anos pasa a formar parte do faladoiro lugués do café Méndez Núñez, que reúne a autores xa consolidados nesa época como Luis Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Por aqueles anos convértese en editor ao crear, co seu amigo e tamén poeta Ánxel Xohán, a colección Xistral a que, en 1969, pasará a ser unha editorial. Deste período tan produtivo é o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inicia a denominada Escola Tebra.
Dono dunha prolífica obra poética –entre a que cómpre salientar as obras Morrendo a cada intre (1952), Mar Maior (1963), Versos para un país de minifundios (1969) ou A primavera de Venus (1993)–, co paso dos anos Manuel María estendeu a súa creación a outros xéneros como a narrativa, o teatro e mais o ensaio. A súa será sempre unha creación literaria fortemente vinculada ás conviccións políticas que defendeu.
Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Educación traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2016.