Nova: O Centro Coreográfico Galego amplía o seu programa formativo de verán con seis novos cursos intensivos en setembro

07/07/2015

O Centro Coreográfico Galego amplía o seu programa formativo de verán con seis novos cursos intensivos en setembro

Ofértanse clases de danza clásica con Cristina Gallardo, moderna e contemporánea con Fernando Lázaro, repertorio de Nacho Duato con Christelle Horna, jazz lírico con Sylvia Martel, 'contact' improvisación con Amaury Lebrun e claqué con Gail Brevitt

A unidade de danza pública mantén aberto ata o 17 de xullo o período de inscrición para estes obradoiros

A Coruña, 7 de xullo de 2015.- O Centro Coreográfico Galego (CCG) mantén aberto ata o 17 de xullo o prazo de inscrición para seis novos cursos intensivos de danza, cos que amplía a setembro o programa formativo de verán que está desenvolver na súa sede da Coruña. A través desta nova oferta didáctica, o alumnado terá a oportunidade de afondar en moi diferentes disciplinas coreográficas da man de destacados profesionais como Cristina Gallardo, Christelle Horna, Sylvia Martel, Amaury Lebrun, Gail Brevitt e Fernando Lázaro.

Dirixidos prioritariamente a bailaríns e bailarinas profesionais, coreógrafos/as, profesorado de danza e estudantes, estes obradoiros insírense no plan de formación continua que a unidade de danza da Xunta de Galicia promove durante todo o ano e dentro do que, durante este mes de xullo, están programados outros seis encontros con Íker Gómez, Ángel Rodríguez, Jordi Vilaseca, Antonella Sampieri, Gonzalo Zaragoza e Virginia Valero.

Técnica de puntas
O novo programa que se desenvolverá do 1 ao 13 de setembro arrancará cun obradoiro de danza clásica e técnica de puntas impartido por Cristina Gallardo, quen foi bailarina principal do Ballet do Teatro Teresa Carreño de Caracas baixo a dirección de Vicente Nebrada, así como do Ballet de Cámara dirixido por Nina Novak. Despois de ter interpretado algúns dos principais papeis do repertorio clásico e neoclásico —'O lago dos cisnes', 'Romeo e Xulieta', 'Manon' ou 'Serenade', entre moitos outros—, dedicou a súa carreira á ensinanza como profesora na Universidad Central de Venezuela, na escola Neodanza de Caracas ou no Ballet Neoclásico de Aragua. Na actualidade, continúa desenvolvendo o seu labor docente en Málaga.

Este obradoiro terá lugar do 1 ao 5 de setembro, semana na que tamén están previstos outros dous encontros centrados no repertorio de Nacho Duato e en jazz lírico. Para o primeiro deles, contarase con Christelle Horna, ex-bailarina principal da Compañía Nacional de Danza e estreita colaboradora de Duato. A través desta cita formativa, ofreceralles aos participantes un percorrido por algunhas das máis coñecidas creacións do renomeado coreógrafo valenciano, que abranguen un amplo abano de estilos desde a época de 'Jardí Tancat' ata a máis recente 'White Darkness'.

O taller de jazz lírico será impartido por Sylvia Martel, bailarina formada en España, Portugal e Reino Unido, cuxa traxectoria profesional inclúe xiras internacionais e acompañamento de artistas como Gloria Trevi, Soraya, Cristal Waters, Malú, Kate Ryan, Carlos Baute ou David Bustamante, entre outros.

Na segunda semana de setembro celebraranse os tres cursos restantes, comezando polo obradoiro arredor da técnica de 'contact' improvisación que conducirá na Coruña Amaury Lebrun, colaborador habitual do Centro Coreográfico Galego e ex-bailarín principal da Compañía Nacional de Danza. Lebrun compaxina a súa actividade creativa á fronte da súa propia compañía –ADC (Amaury Dance Company)– e para outras formacións co seu labor docente como profesor convidado no Conservatorio Superior de Danza María de Ávila de Madrid e como mestre en cursos e obradoiros organizados por diferentes entidades.

Claqué para todos os públicos
A unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) ofrece, así mesmo, un taller de claqué que, neste caso, abrirá tamén a todas aquelas persoas interesadas en iniciarse neste estilo de baile. A mestra será Gail Brevitt, quen foi directora artística da Escola de Danza San Clemente de Santiago de Compostela e integrante do grupo de swing Aló Djangó. Nos anos oitenta, Brevitt foi bailarina en diferentes producións do teatro musical londiniense, incluído o famoso espectáculo 'Cats' do West End.

Os cursos de verán do Centro Coreográfico Galego concluirán co de danza moderna e contemporánea que terá lugar do 11 ao 13 de setembro a cargo do coruñés Fernando Lázaro. Bailarín e coreógrafo, en 2001 inicia a súa traxectoria como docente en diferentes escolas de Madrid e impartindo cursos en conservatorios e escolas de toda España, así como de Portugal, Chile, México, Rusia e Italia. Na actualidade, é un dos responsables do proxecto Danza 180º, ademais de adestrar profesionais en diferentes asociacións, compañías e escolas de interpretación.

O CCG ofrece varias modalidades de matrícula nestes obradoiros, que permiten combinar a participación en varios deles, así como a asistencia a clases soltas ou como alumnado oínte. No web www.centrocoreografico.org está dispoñible toda a información sobre o proceso de inscrición e os diferentes prezos de matrícula.

Comparte