Nova: O Salón Teatro acolle tres concertos do festival Via Stellae

08/07/2015

O Salón Teatro acolle tres concertos do festival Via Stellae

Percusión, electrónica e improvisación, ópera barroca italiana e un monográfico de Haendel centran as tres citas que terán lugar os días 10, 13 e 14 de xullo

O escenario de Cultura súmase aos espazos culturais composteláns nos que se desenvolve o evento musical promovido polo Concello de Santiago e a Xunta de Galicia

  • 'Kableado', título da sesión de percusión, electrónica e arte visual de Roberto Oliveira 'Kableado', título da sesión de percusión, electrónica e arte visual de Roberto Oliveira

Santiago, 8 de xullo de 2015.- O Salón Teatro de Santiago é unha das sedes da nova edición do Festival Via Stellae, que acollerá nos próximos días os concertos do percusionista Roberto Oliveira e das formacións Ímpetus Conjunto Barroco de Madrid e Al Ayre Español. A Consellería de Cultura e Educación colabora así con este programa musical, que promoven e organizan o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, e que se desenvolve desde o 29 de xuño e ata o 15 de xullo en teatros, igrexas e outras localizacións singulares da cidade.

A primeira das tres citas do Via Stellae no Salón Teatro será este venres 10 de xullo con 'Kableado', título da sesión de percusión, electrónica e arte visual con altas doses de improvisación, coa que Roberto Oliveira busca xerar un ambiente propicio para o entendemento destas novas tendencias na arte sonora e fomentar o interese cara a música electroacústica. Sérvese para isto de instrumentos de percusión convencionais (vibráfono, chocallos) e non convencionais (pedras, auga, madeira), cos que interpreta obras de compositores galegos e de fóra de Galicia para compoñer un universo de novos sons, texturas e sensacións.

Repertorio clásico
O repertorio clásico chegará cos dous restantes recitais, que terán lugar o luns 13 a cargo do grupo Ímpetus e o martes 14 coa orquestra de cámara Al Ayre Español. O conxunto especializado madrileño, que dirixe Yago Mahúgo, ofrecerá un programa dedicado á ópera barroca italiana, no que tamén se inclúen o 'Concerto para clave en fa menor' de Johan Sebastian Bach ou o 'Concerto para violín en Re maior' de Vivaldi. O contratenor Flavio Ferri-Benedetti cantará como solista na formación que completan Pablo Gutiérrez (concertino e violín), Irene Benito (violín), Marta Mayoral (viola), Guillermo Turina (violonchelo), Michel Frechina (contrabaixo), Yago Mahúgo (clavecín) e Ramiro Morales (corda pulsada).

O martes 14 de xullo será a quenda de Al Ayre Español, a orquestra dirixida e fundada en 1988 por Eduardo López Banzo co propósito de recuperar e poñer en valor a música barroca española. Nesta ocasión, os violíns de Alexis Aguado e Kepa Arteche, o violonchelo de James Bush, o violón de Xiscó Aguiló, o arquilaúde de Juan Carlos de Mulder e o clavecín de Eduardo López Banzo executarán un integral das 'Trío Sonatas Opus 2' de Haendel, compositor sobre o que López Banzo é investigador e especialista.

Os tres concertos do Via Stellae no Salón Teatro serán ás 20:30 horas. As entradas para o de Roberto Oliveira son gratuítas, previa recollida de invitacións, e as das outras dúas citas poden mercarse ao prezo de 6 euros na billeteira electrónica entradas.abanca.com, no teléfono 902 434 443 e nos despachos habituais do festival.
 

Comparte