Nova: San Simón Fiddle, unha oportunidade para reforzar a afección pola música entre os rapaces desde a convivencia, o xogo e a emoción

11/07/2015

San Simón Fiddle, unha oportunidade para reforzar a afección pola música entre os rapaces desde a convivencia, o xogo e a emoción

É o único campamento de violín tradicional de Europa para nenos e nenas

Preto de cen rapaces e rapazas participan na cuarta edición desta iniciativa organizada pola asociación Galicia Fiddle para potenciar o emprego de instrumentos de corda dentro da música tradicional

Redondela (Pontevedra), 11 de xullo de 2015.- O campamento San Simón Fiddle puxo hoxe o broche de ouro, cun concerto, a unha semana intensa de vivencias, de música e de natureza na que nenos e nenas instrumentistas tiveron ocasión de aprender dun xeito lúdico e divertido a potenciar o emprego de instrumentos de corda dentro da música tradicional galega, relacionándose cos seus instrumentos dun xeito diferente.

Preto de cen rapazas e rapaces participan, desde o pasado 5 de xullo, no que constitúe o único campamento de violín tradicional de Europa para o máis novos, organizado pola asociación Galicia Fiddle. O secretario xeral de Cultura compartiu cos mozos e mozas o concerto de peche en San Simón, onde que se referiu á iniciativa como “unha oportunidade para que os novos instrumentistas se reforcen na afección pola música desde a convivencia, desde a alegría e o xogo, desde a intensidade e a emoción compartida de facer música con outros compañeiros e compañeiras”.

Vivencias compartidas arredor da música
“Cando falamos de aprendizaxe, e máis aínda na práctica musical, é evidente que require unha rutina de traballo técnico, unha práctica en solitario constante e permanente”, dixo. “Pero é evidente tamén o papel que xogan as vivencias compartidas e emocionais na propia asimilación do traballo técnico anterior. Por iso desde a Consellería de Cultura e Educación temos clara a necesidade de apoiarmos iniciativas coma esta, que constitúen unha oportunidade para este conxunto de nenos e nenas, mozos e mozas, que están a dedicar parte do seu esforzo persoal á aprendizaxe musical”.

En referencia á illa de San Simón, Anxo Lorenzo afirmou que se trata dun “lugar idóneo para esta experiencia, un espazo cargado de historia recuperado pola Administración autonómica e que hoxe a Secretaría Xeral de Cultura destina á creatividade e ao desenvolvemento de experiencias culturais novidosas”. “Por iso –rematou– é para nós unha honra que esta semana San Simón lle abra as súas portas a este traballo magnífico de formación e de desenvolvemento deste grupo de estudantes de corda”.

Despedida a bordo dunha goleta centenaria
A xornada de despedida da cuarta edición do San Simón Fiddle terá lugar mañá, día 12, a bordo dunha goleta centenaria, sobre a cal os rapaces e rapazas xunto cos profesores interpretarán a música que aprenderon durante a semana, á vez que navegan pola enseada da ría de Vigo. Ao chegar a porto ofrecerán un pequeno concerto antes poñer punto final a unha semana inesquecible na que este ano, por vez primeira, os adultos tamén puideron gozar de San Simón Fiddle, co encontro Encordass, dirixido polo prestixioso violinista e docente Ernesto Briceño. Ademais, Anxo Pintos, Roberto Comesaña e Cristina Pato desenvolveron un taller de canto e percusión e tamén ofreceron un concerto acústico na capela da illa.

Este ano, o San Simon Fiddle tamén contribuíu ao diálogo cultural entre Galicia e Portugal, coa presenza de 10 nenos e nenas e mais dunha profesora de violín do país veciño.

Música tradicional e doutros estilos
Xunto á música tradicional, San Simón Fiddle tamén recolle outros estilos musicais, como o blues e o rock, da man de Adrián Costa, guitarrista e cantante internacionalmente recoñecido. Tamén se lle dedicou un día especial á India, cunha festa tradicional na que o colorido dos pigmentos naturais encheu de alegría a illa mentres rapaces e adultos interpretaron melodías indias cos seus instrumentos.

O respecto polo medio ambiente e a mellora nos hábitos cotiáns foron outro dos aspectos que se abordaron no campamento. Neste sentido, a ausencia practicamente total de perfumes e cosméticos por parte dos asistentes ao San Simón Fiddle, así como a limpeza feita das instalacións da illa unicamente a base de produtos naturais, fixeron posible que persoas con sensibilidade química múltiple puideran convivir no campamento cos rapaces e monitores, e participar nas actividades, algo que na súa vida cotiá resultaría imposible.

O campamento tamén contou con obradoiros para mellorar os hábitos posturais ao tocar, impartidos pola violinista Milena Fuentes e de estiramentos e masaxes destinados aos instrumentistas de corda. O cine mudo tamén formou parte da programación deste ano da man do grupo Ancestral, composto por Alfonso Franco, Alfonso Merino e Iago Mouriño, que lle puxeron música a unha selección de curtas de cine dos anos 20 proxectados no incomparable bosque dos buxos.

Un modelo singular
San Simón Fiddle é un modelo singular dentro da música folk, o único campamento de violín tradicional para nenos e nenas de Europa. O seu emprazamento, o número de prazas ofertadas, a posibilidade de pasar a noite e a variada programación de actividades sitúan este proxecto galego á cabeza dos fiddle camp para nenos de todo o mundo. A cuarta edición do San Simón Fiddle incidiu na apertura a todas as provincias galegas e na súa difusión no ámbito internacional.

Sobre Galicia Fiddle
A Asociación Galicia Fiddle, promotora da iniciativa, é unha organización sen ánimo de lucro que xorde no ano 2010 na comarca de Vigo en torno á aula de violín da ETRAD (Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo), que serviu de aglutinador daqueles violinistas interesados na música tradicional. A principal actividade da asociación é a de organizar cursos cos mellores mestres de todo o mundo, así como a organización do campamento de verán San Simón Fiddle destinado aos nenos e que ten como obxectivo crear en Galicia unha nova xeración de violinistas e chelistas que toquen música popular: folk, rock, blúes, jazz etc.

Comparte