Nova: Exposición coas obras finalistas do Certame de Escultura Francisco Asorey

14/07/2015

Exposición coas obras finalistas do Certame de Escultura Francisco Asorey

Cambados acolle esta mostra á que se presentaron máis de 40 traballos de artistas nacionais e internacionais

  • Unha das obras finalistas do certame Unha das obras finalistas do certame
  • Unha das obras finalistas do certame Unha das obras finalistas do certame
  • Unha das obras finalistas do certame Unha das obras finalistas do certame

Cambados (Pontevedra), 14 de xullo de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou en Cambados a contribución do Certame de Escultura Francisco Asorey á promoción e posta en valor da creatividade actual. Fíxoo durante o acto de inauguración da exposición coas obras finalistas da segunda edición deste premio, promovido pola Asociación Francisco Asorey co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto co Concello de Cambados e mais da Deputación Provincial de Pontevedra.

En referencia á participación no certame, o secretario xeral tamén salientou o alcance internacional desta segunda edición, na que, á creatividade galega, se sumaron obras de artistas procedentes doutras comunidades autónomas como Cataluña, Andalucía, Euskadi e Castela e León, así como de países como Portugal e Cuba.

Artistas de diferentes nacionalidades
Foron un total de 41 traballos realizados por autores e autoras de diferentes nacionalidades, entre os que se seleccionaron as 12 obras finalistas que conforman a mostra inaugurada no recinto de Exposalnés coa participación tamén do concelleiro delegado de Cultura do Concello de Cambados, Víctor Caamaño, e da presidenta e do secretario da Asociación Francisco Asorey, Carmen Asorey e Vicente Pérez, respectivamente, entre outros.

O legado de Asorey
“Ademais de favorecer a promoción dos nosos creadores e creadoras actuais –dixo o secretario xeral de Cultura–, este certame tamén contribúe a manter vivo o legado de Francisco Asorey, un dos artistas galegos máis singulares da renovación da arte escultórica no pasado século”.

Canteira de artistas galegos
Xunto con traballos de autores recoñecidos, as canteiras de artistas galegos tamén estiveron representados no certame con obras do alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, da Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña ou da Escola de Canteiros pontevedresa.

Comparte