Nova: Galicia homenaxea a Rosalía de Castro no 130º aniversario do seu pasamento

15/07/2015

Galicia homenaxea a Rosalía de Castro no 130º aniversario do seu pasamento

Recitais poéticos, música e relatorios para homenaxear a figura desta grande das letras galegas

O conselleiro de Cultura loa a o seu compromiso co noso idioma e avoga polo consenso para manter viva a lingua galega e abrila a novos espazos de uso

Padrón, 15 de xullo de 2015.- A casa da Matanza, en Padrón, acolleu os actos conmemorativos do 130 aniversario do pasamento de Rosalía De Castro, que incluiron recitais de poesía, relatorios e a música de Narf.

O conselleiro participou esta tarde, -xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo-, nestes actos conmemorativos e loou a figura de Rosalía de Castro e o seu firme compromiso coa lingua galega, como así quedou reflectido na súa obra literaria.

Neste encontro, organizado pola Fundación Rosalía de Castro na que a música, os poemas e as conferencias tomaron forma de homenaxe á figura de Rosalía, Román Rodríguez salientou que Galicia, e os galegos lle debemos a Rosalía o uso da lingua galega como vehículo de comunicación e “ser partícipes da importancia de ter e usar unha lingua de nós”. Nesta liña avoga porque a figura de Rosalía sexa un referente de futuro, para aproveitar a riqueza e o potencial cultural de Galicia.

O conselleiro subliñou que para manter a lingua viva é necesario acadar un consenso en torno a ela e, por tanto, insistiu no compromiso do Goberno para que o galego conquiste novos ámbitos (no eido da economía, das novas tecnoloxías, da xuventude,…). “Porque levando o emprego da nosa lingua á vida diaria temos o idioma de futuro polo que estamos a loitar” abondou.

“Temos unha base sólida que debemos manter en pé, mellorar e reforzar”, e a mellor maneira de manter viva a memoria de Rosalía de Castro é “honrar a nosa lingua”, concluíu Román Rodríguez.

O responsable de Cultura e Educación do Goberno galego aproveitou os actos conmemorativos do pasamento da poeta para efectuar un percorrido polas dependencias da casa da Matanza, sede da Fundación que leva o seu nome.

Comparte