Nova: Clausura en Boqueixón da mostra itinerante Xosé Filgueira Valverde, un faro na construción de Galicia
15/07/2015
Clausura en Boqueixón da mostra itinerante Xosé Filgueira Valverde, un faro na construción de Galicia
A localidade coruñesa acolleu a xincana lingüística ‘Filgueira Valverde na voz da xente’
As vindeiras paradas serán Ponteceso, Lugo e O Barco de Valdeorras
Boqueixón (A Coruña), 15 de xuño de 2015.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou na Casa do Concello de Boqueixón a mostra coa que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra lle renden tributo ás Letras Galegas 2015, 'Xosé Filgueira Valverde, un faro na construción de Galicia'. Fíxoo acompañado do tenente alcalde, Jesús Sanjuás, no mesmo día no que o concello coruñés acolleu a xincana lingüística xuvenil “Filgueira Valverde na voz da xente”, que complementa o proxecto expositivo en concellos Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia para achegarlle á xente nova a figura, a vida e a obra do autor homenaxeado.
García Gómez destacou a importancia da mostra na divulgación e no coñecemento da figura de Xosé Filgueira Valverde á cidadanía, no marco da programación impulsada pola Consellería de Cultura e Educación arredor das Letras Galegas 2015. Segundo explicou o secretario xeral “o proxecto expositivo ilustra, mediante un xogo de paneis con texto e fotografías, a traxectoria vital e profesional do autor pontevedrés”.
Xincanas lingüísticas na Rede de Dinamización
Tamén incidiu García Gómez na xincana lingüística que complementa a mostra “e que inclúe unha serie de xogos e de probas para que a rapazada se achegue á figura homenaxeada, á súa obra e á promoción do uso da lingua de Galicia”. “Con ela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere facer partícipe, unha vez máis, á RDL da celebración das Letras Galegas”, rematou.
A xincana, creada e xestionada pola empresa de dinamización cultural O Falcón Branco, realízase no mesmo espazo onde está exposta a mostra “Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia”, co fin de aproveitar a información que esta achega e, ao mesmo tempo, servir de guía e complemento dela.
A actividade, de 90 minutos de duración, inclúe un peche poético consistente nunha escenografía sonora sobre palabras de Filgueira Valverde para que estean “na voz da xente”. Esta escenografía sonora correrá a cargo dun Consello de Galegos Ilustres integrado polo Señor Ilustre (representado por Brais Fernández) e o Músico Ilustre (Xabier Mugardos).
Logo das primeiras sesións en Foz, Melide e Boqueixón, a actividade dinamizadora chegará á Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso (no marco do curso de verán “Eduardo Pondal no Cincuentenario do Día das Letras Galegas”), ao Barco de Valdeorras, ao Carballiño, a Oleiros e a Cee.
Itinerancia en 22 puntos de Galicia
“Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia” componse de paneis informativos estruturados en dous bloques nos que se fai un percorrido polo traballo do intelectual na promoción da lingua galega, así como o seu papel na creación do Museo de Pontevedra e o seu labor docente no Instituto de Pontevedra. O proxecto, comisariado por Carlos Valle e por Ana María Costas, recolle as facetas profesionais do polígrafo nun amplo retrato cronolóxico da súa biografía. A mostra acompáñase dun detallado folleto de 12 páxinas que compila os datos a disposición de todas as persoas que se acheguen a visitala.
Logo de facer parada en Santiago de Compostela (Biblioteca Ánxel Casal), na Coruña (Biblioteca González Garcés), en Foz (centro Cenima), en Melide (Casa da Cultura) e en Boqueixón (Casa do Concello), a mostra continuará o seu percorrido da man da Xunta de Galicia coas seguintes itinerancias: Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Central Territorial), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Central Territorial).
Paralelamente e da man da Deputación de Pontevedra, tamén está en marcha a itinerancia dunha mostra xemelga que tras o seu paso por Lalín e Redondela fai parada arestora no Porriño (ata o 17 de xullo no Centro Cultural Municipal) e proseguirá a súa andaina nos concellos pontevedreses de Mondariz-Balneario, Marín, Vigo, Cambados, A Estrada e Cuntis. En total, serán 22 concellos galegos os que lle dean acubillo a esta exposición arredor do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2015, a maiores da exposición permanente programada no Museo de Pontevedra.