Nova: A guitarra de Daniel Minimalia, o rock de Los Bengala e a mestura de sons de Crudo Pimento nunha nova semana de Atardecer no Gaiás

16/07/2015

A guitarra de Daniel Minimalia, o rock de Los Bengala e a mestura de sons de Crudo Pimento nunha nova semana de Atardecer no Gaiás

A partir das 21 horas, o músico ourensán Daniel Minimalia repasará os temas do seu segundo traballo ‘Arenas de luna’

O venres chega o rock máis gamberro da man do dúo Los Bengala mentres que o sábado pecharán a semana os murcianos Crudo Pimento

Todos os concertos son de balde, comezan ás 21:00 horas e teñen lugar na praza central do Gaiás. Haberá un último bus de baixada ás 22:45 horas

  • Daniel Minimalia Daniel Minimalia
  • Crudo Pimento Crudo Pimento
  • Los Bengala Los Bengala

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2015.- A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elixe os máis variados sons para poñerlle banda sonora a unha nova semana de ‘Atardecer no Gaiás’: os acordes máis raciais do guitarrista ourensán Daniel Minimalia, o rock ‘garage’ de Los Bengala e a mestura de sons de Crudo Pimento.

Esta tardiña será un ‘Atardecer no Gaiás’ con Daniel Minimalia, que volve á Cidade da Cultura para amosarnos a súa vertente máis racial e orgánica con influencias da música de raíz como o folk, flamenco, gipsy jazz, música francesa, sen esquecernos do rock e a electrónica. O músico galego deleitaranos cos temas do seu segundo disco ‘Arenas de luna’ e repasará algunhas das cancións que o consagraron como o “Mike Oldfield español”, integradas no seu exitoso disco debut ‘Cuentos sonoros’.

E dos sons da guitarra ao rock máis gamberro e salvaxe da man de Los Bengala. Desde Zaragoza, este dúo formado por Guillermo Sinnerman (the Faith Keepers, Maybe Boom) á guitarra e Borja Téllez (The Faith Keepers) á batería, chegan ao Gaiás co seu garage felino co que darán vida aos temas que compoñen o seu álbum debut: ‘Incluso festivos’.

Para culminar esta semana ecléctica, o sábado será a quenda de Crudo Pimento, o dúo murciano formado por Raúl Frutos e Inma Gómez. A súa proposta: unha adictiva mestura de sons que parte do folklore portorriqueño, os mellores tempos de Mano Negra, trazas de fandangos onubeneses, así como blues cubista e descerebrado. Todo isto e máis condensado no seu segundo traballo que leva por título ‘Fania Helvete’, co que fará gozar a toda a praza central.

Último bus ás 22:45 horas
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.

Comparte