Nova: Os Bolechas e Estamos no verán! promoven esta fin de semana o uso do galego no lecer entre os cativos

17/07/2015

Os Bolechas e Estamos no verán! promoven esta fin de semana o uso do galego no lecer entre os cativos

Doce concellos galegos acollerán ata finais de xullo as dúas propostas de dinamización lingüística incluídas no programa FalaRedes

  • Os Bolechas na máquina do tempo Os Bolechas na máquina do tempo
  • Os Bolechas na máquina do tempo Os Bolechas na máquina do tempo
  • Estamos no verán! en Malpica Estamos no verán! en Malpica
  • Estamos no Verán! en Fisterra Estamos no Verán! en Fisterra
  • Estamos no verán! en Baiona Estamos no verán! en Baiona

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2015.- Os concellos de Vedra e Caldas de Reis reciben esta fin de semana ‘Os Bolechas, na máquina do tempo’, no marco do programa "FalaRedes" que a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria leva, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Desde mañá, os xa famosos Bolechas seguen adiante nunha viaxe chea de aventuras e diversión que os levará por 40 localidades. Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, Tatá e o inseparable Chispa -logo de deixaren atrás o Sabichón- atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro e os converterá en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco propietario da máquina- guiará os irmáns nun percorrido para coñeceren as diferentes etapas da Historia, e no que precisarán a inestimable axuda do público para regresaren ao presente.

A cita en Vedra é o sábado 18 ás 19:00 horas no Museo Paz Camps en San Fins de Sales. Logo, "Os Bolechas" viaxarán ata Caldas de Reis; onde se presentarán ante o público o domingo 19 ás 12:00 horas no Auditorio Municipal.

‘Estamos no verán!!!’
No seu afán por promover o uso e a valoración positiva do idioma galego, ‘FalaRedes’ segue a espallar este espectáculo de música e baile que, malia estar dirixido a público preadolescente, consegue que toda a familia mova o esqueleto.

O músico Xoán Curiel, canda a banda Son+d2 e a bailarina Marta Alonso, ofrecerá un bo feixe de ritmos: rock, funk, blues, pop, reggae, bossa nova... en galego. ‘Estamos no verán!!!’ empraza na penúltima fin de semana da súa xira no marco do ‘FalaRedes 2015’ á rapazada de Barreiros, o venres 17 ás 20:00 horas (no Centro Sociocultural Manuel Díaz San Pedro); á de Ribadumia, o domingo 19 ás 12:30 horas (no Auditorio Municipal); e á de Bueu, ese mesmo día ás 21:00 horas na Praza Massó (ou no Centro Social do Mar, en caso de choiva).

O calendario completo das dúas actividades está dispoñible en www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia: www.cultura.gal

‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística celebra a súa cuarta edición logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que nel se integran buscan, ano a ano, o cumprimento dos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre a infancia, a mocidade e a familia, enchendo o tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata finais de ano chegará aos concellos da RDL, iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua propia de Galicia desde as administracións local e autonómica e que conta na actualidade cunhas 170 entidades adscritas.

Máis información sobre ‘FalaRedes’ 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes 2015 e tamén nas redes sociais.

Comparte